Skip to main content
STG

A Universidade de Santiago reabre o luns ao público o Museo do Templo de Mitra

Participantes nunha visita guiada ao Museo do Templo de Mitra
Participantes nunha visita guiada ao Museo do Templo de Mitra
Un bolseiro conducirá as visitas guiadas ao xacemento romano cinco días á semana

A Universidade de Santiago de Compostela reabriá ao público o Museo do Templo de Mitra a partir do luns, día 21 de outubro, segundo adiantou este venres o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón.

Un estudante do grao de Ciencias da Cultura na Facultade de Humanidades, que vén de acadar a bolsa creada pola Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo coa finalidade de contar cunha persoa dispoñible para acompañar e explicar aos visitantes as singularidades da ruína, será o encargado de conducir e guiar a todas as persoas que se acheguen a visitar o Museo do Templo de Mitra. O novo horario de apertura establecido pola Universidade de Santiago para canalizar e atender o fluxo de visitantes interesados en coñecer este relevante xacemento romano, antóllase suficientemente amplo, con quendas de mañá e de tarde, para así poder dar resposta e adaptarse ás disposicións horarios de todo o público. Unha vez rematado o proceso de convocatoria da bolsa e xa formalizada a selección da persoa que atenderá a visitas ao Museo do Templo de Mitra, as instalacións deste xacemento romano reabrirán ao público o vindeiro luns día 21, logo de permanecer pechadas deste finais do mes de setembro. As persoas que estean interesadas en coñecer e visitar este xacemento romano poderán facelo os luns, xoves, venres e sábados, en horario de 11.00 a 14.00 horas. Asemade, as instalacións do museo erixido arredor deste templo mitraico, tamén permanecerán abertas ao público os mércores, en horario de 16.00 a 19.00 horas. O Museo do Templo de Mitra, inaugurado a mediados do pasado mes de xullo e aberto ao público días despois, permite aos visitantes coñecer as distintas fases da construción da muralla romana, así como doutras edificacións da época, ademais de facilitar o coñecemento da sociedade da época e a posterior evolución experimentada durante séculos. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, valorou como unha “moi boa noticia” a reapertura ao público do Museo do Templo de Mitra, unhas instalacións que xa recibiran varios milleiros de visitantes durante o tempo que permaneceu aberto, ao tempo que agarda que se manteña o interese social e tamén da comunidade científica por coñecer esta ruína. Aínda así, García Herradón, dixo que a decisión adoitada pola Universidade para reabrir este museo é unha “solución transitoria”.

The contents of this page were updated on 10.18.2013.