Veterinaria acolle a exposición 'Nazón de Breogán' organizada pola Vicepresidencia da Xunta
A Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo acollerá a exposición ‘Nazón de Breogán. Un xeito de soñar Galicia’ que organiza a Vicepresidencia da Xunta de Galicia con motivo da conmemoración do 70 aniversario da aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia en 1936.
A mostra será inaugurada nun acto ás 20:00 horas no hall da facultade, ao que asistirán o vicerreitor de Relacións Intitucionais da USC e comisario da exposición, Lourenzo Fernández Prieto, e o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre.
A exposición ‘Nazón de Breogán’ percorre a historia de Galicia desde a súas orixes ata o ano 1936 achegando ao público fitos e personaxes da cultura galega. Realizou o seu guión histórico Ramón Villares e encargouse da produción e da fotografía Xurxo Lobato.