Seminario práctico sobre edición e tradución da obra do poeta valenciano Vicent Andrés Estellés

Co motivo da Diada de Sant Jordi, este luns 23 de abril a Área de Filoloxía Catalá da USC organiza o seminario práctico ‘Editar e Traductir a Vicent Andrés Estellés’. Dedicado a un dos poetas valencianos máis importantes da segunda metade do século XX para conmemorar o 25 aniversario da súa morte, o seminario impartirao Jordi Oviedo, especialista na súa obra e co editor dalgúns volumes da Nova Obra Completa que está a editar Edicions 3i4. Centrarase nos ámbitos da edición filolóxica e da tradución literaria do catalán ao galego, portugués e castelán principalmente.
Trátase dun encontro aberto, previa inscrición, a estudantes e profesores da Facultade de Filoloxía ou persoas interesadas en Vicent Andrés Estellés, a poesía catalá contemporánea, a edición de textos ou a tradución literaria. O seminario é unha actividade formativa recoñecida do Programa de Doutoramento Estudos da Literatura e da Cultura.
Ademais, no segundo piso da Facultade de Filoloxía está instalada ata o 30 de abril a exposición Vicent Andrés Estellés. Cronista de records i d’esperances cedida pola Acadèmia Valenciana de la Llengua.