Aberta a inscrición nos cursos do CLM para o segundo semestre

O Centro de Linguas Modernas da USC fixo pública a relación de cursos que se poderán realizar nos Campus de Santiago e Lugo durante o segundo semestre. Alemán, francés, galego para non falantes (en liña) e inglés, conforman a oferta docente regular do Campus de Lugo, onde ademais se poderán seguir cursos específicos para a mellora de habilidades orais e escritas en lingua inglesa alén de cursos semi-intensivos de inglés para os niveis B2 e C1. No caso de Santiago, os idiomas ofrecidos son alemán, catalán, francés, galego para non galegofalantes, italiano e portugués, e tamén se inclúen cursos específicos de preparación para os exames cara á obtención dos certificados B e C de catalán que ofrece o Institut Ramón Llul, cursos semi-intensivos de inglés nos niveis B1, B2 e C1 e un seminario de checo no contexto universitario.
Tests de nivel
As persoas interesadas en cursar estudos nunha lingua da cal posúan coñecementos previos e non aprobaron durante o curso anterior no CLM ou na Escola Oficial de Idiomas (EOI) terán que facer un test de nivel. A inscrición na proba farase por Internet dende a secretaría virtual da USC á que se pode acceder dende a páxina web do CLM. Os resultados dos tests de clasificación publicaranse na secretaría virtual do alumnado. O prazo de inscrición nas probas para os cursos do Campus de Santiago esténdese ata o 31 de xaneiro e para os do Campus de Lugo chega ata o 3 de febreiro.
Matrícula
O único requisito para tomar parte nestes cursos é ter cumpridos 16 anos ou cumprilos no ano académico actual. As persoas que aprobaron no ano anterior ou no primeiro semestre un nivel segundo o MECRL no CLM poderán matricularse directamente no curso inmediatamente superior, sen faceren o test de nivel nin contactar co Centro. Tamén poderán matricularse sen realizar test de nivel as persoas que aprobaron un nivel segundo o MERCL no CLM hai dous anos ou na EOI o ano anterior, pero neste caso deberán contactar co CLM no enderezo electrónico clm [at] usc.gal (clm[at]usc[dot]gal) para solicitar a autorización da súa matrícula directa. En todos os casos, a matrícula farase por Internet dende a páxina web do CLM, onde tamén se poderá atopar maior información sobre a tramitación en liña.