Skip to main content
STG

O cumio UE-CELAC pide situar a educación no máis alto da axenda política mundial e mobilizar á acción

Sesión de clausura do foro. FOTO: Adolfo Enríquez
Sesión de clausura do foro. FOTO: Adolfo Enríquez
O foro clausurouse en Compostela coa USC como institución anfitrioa e serviu para reivindicar o impulso dunha acción estratéxica en materia de transformación dixital da educación superior que inclúa as novas oportunidades que ofrece a intelixencia artificial
Santiago de Compostela

“Situar a educación no máis alto da axenda política mundial e mobilizar á acción, á solidariedade e á procura de solucións e transformar a educación nun mundo en constante evolución”. Con esta vontade remata o cumio académico e do coñecemento UE-CELAC que se desenvolveu esta semana en Compostela coa USC como institución anfitrioa. O foro definiu a súa intención de establecer unha Alianza co Sistema das Nacións Unidas que permita, dende o compromiso das universidades cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, reforzar a participación das institucións de educación superior e investigación na promoción e o desenvolvemento da Axenda 2030, vinculándoas co Cume do Futuro que debería celebrarse en 2024, tanto co seu proceso preparatorio como coa implementación dos resultados que se alcancen nel.

O cume centrouse na construción dun espazo común euro-latinoamericano e caribeño de educación superior, ciencia, tecnoloxía e innovación que marcará a axenda internacional dos vindeiros meses. Así, entre as conclusións do foro sublíñase a necesidade de acometer “o fortalecemento dos espazos, foros, mecanismos e instrumentos de diálogo e cooperación existentes, a promoción doutros novos e a activa participación das redes e asociacións rexionais de universidades, así como da sociedade civil”. Promover a mobilidade académica ou fomentar acordos bilaterais dentro da autonomía universitaria foron outras das cuestións tratadas xunto coa vontade de impulsar unha acción estratéxica en materia de transformación dixital da educación superior que inclúa as novas oportunidades que ofrece a intelixencia artificial, tanto no campo do ensino e a aprendizaxe como nos da investigación, a innovación e a xestión.

A iniciativa Campus UE-CELAC, orientada ao fomento de asociacións estratéxicas entre institucións de educación superior que inclúan, entre outras, accións de mobilidade académica, cotitulación ou dobre titulación, cooperación científica, emprendemento, sustentabilidade e transformación dixital, foi outra das accións contempladas nas conclusións do cumio. O foro acordou tamén alentar e acompañar a creación dun marco de colaboración entre os sistemas nacionais e rexionais de avaliación, aseguramento da calidade e acreditación da educación superior da CELAC e a UE, coa participación das universidades, como base para favorecer a mobilidade académica e o recoñecemento de períodos de estudo e de títulos, así como a internacionalización dos procesos e sistemas de calidade en ambas as rexións. A esta vontade súmase o impulso da cooperación entre sistemas de investigación científica.

Alianzas

O obxectivo principal deste foro consistiu en impulsar a construción dun espazo común euro-latinoamericano e caribeño de educación superior, ciencia, tecnoloxía e innovación, a través da xeración de coñecemento, o deseño de liñas comúns de acción, o establecemento de alianzas e de capacidades de promoción estables, a integración e a cooperación estratéxica, todo isto nun contexto de transformación da educación superior, contribuíndo así ao desenvolvemento do Plan de Acción UE-CELAC acordado polo Cume de Xefes de Estado e de Goberno desenvolvido en Bruxelas en 2015.

A xuntanza serviu para deseñar estratexias e instrumentos que promovan a creación dese espazo común; incidir na formulación de políticas públicas, plans e programas nacionais a través da creación de espazos de discusión, da elaboración de propostas con base científica e da vinculación da academia coa contorna; e para orientar a acción académica e a xeración do coñecemento cara á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a Axenda 2030.

O cumio estruturouse en relatorios maxistrais e mesas redondas, organizadas en sesións plenarias e sesións temáticas paralelas que virarán ao redor de tres eixos temáticos: a transformación dixital da educación superior con especial atención ao estado actual, retos e oportunidades; coñecemento para o desenvolvemento e a sustentabilidade no eido da ciencia, tecnoloxía e innovación; e a cooperación académica para a construción do Espazo de Educación Superior euro-latinoamericano e caribeño dende a internacionalización solidaria.

O foro está organizado polas tres universidades públicas galegas (USC, UDC e UVigo), a Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral Iberoamericana, o Consello Universitario UE-CELAC, o Consello Superior Universitario Centroamericano, a Universidade do Salvador, a Unión de Universidades de América Latina e o Caribe, a Asociación de Universidades Grupo Montevideo, o Comité Executivo do Espazo Latinoamericano e Caribeño de Educación Superior, a Asociación Europea de Universidades, a Fundación EULAC, as Universidades do Caribe, a CRUE e o Consello de Reitores das Universidades Portuguesas.

The contents of this page were updated on 05.05.2023.