Skip to main content
STG

O CLM da USC celebra os exames oficiais de nivel de lingua xaponesa este domingo na Facultade de Filoloxía

Unha delegación da Japan Fundation visitará a USC co gallo da organización das probas de Noken, que se desenvolven desde hai un lustro na institución académica compostelá

A Facultade de Filoloxía da USC acubillará este domingo 4, a partir das 10.00 horas, a celebración dos exames oficiais de nivel de lingua xaponesa, unhas probas coñecidas en España co nome de Noken e que están coordinadas na USC pola profesora do Centro de Linguas Modernas da USC Minako Takahashi.

O desenvolvemento desta proba de avaliación do nivel de coñecemento da lingua xaponesa ten carácter anual en España, onde se celebran cada primeiro domingo de decembro. Nesta edición, co gallo da celebración do quinto aniversario da organización destes exames na USC, a institución académica compostelá recibirá a visita da subdirectora da delegación de Japan Foundation en Madrid, Keiko Ozaki.

Os exames Noken, que se desenvolven na USC desde hai un lustro, están supervisados a nivel nacional pola Japan Foundation e a Japan Educational Exchanges and Services (Jees), dous organismos oficiais dependentes do Goberno nipón con competencias culturais.

O certificado oficial do exame Noken ten validez internacional e está recoñecido en todo o mundo como a proba oficial de ter acadado un determinado nivel de coñecemento da lingua xaponesa. A superación do exame Noken outorga un importante valor curricular á hora de formarse en calquera universidade xaponesa, solicitar calquera bolsa educativa ao goberno xaponés ou se se quere traballar en Xapón.

The contents of this page were updated on 12.02.2016.