Pasar al contenido principal
STG

Rodríguez Colmenero, nomeado académico correspondente da Academia Portuguesa da Historia

Antonio Rodríguez Colmenero, ao pé da muralla romana de Lugo
Antonio Rodríguez Colmenero, ao pé da muralla romana de Lugo

O arqueólogo Antonio Rodríguez Colmenero, na actualidade profesor ad honorem da Facultade de Humanidades do campus de Lugo, vén de ser nomeado académico correspondente pola Academia Portuguesa da Historia, o máximo recoñecemento que pode recibir no país luso un investigador estranxeiro, a excepción dos brasileiros.

Rodríguez Colmenero, que ao longo dos anos ten acreditada unha ampla traxectoria académica, como catedrático de Historia Antiga da USC, e tamén como investigador, coñeceu a distinción outorgada pola academia lusa a través dunha carta remitida pola presidenta da institución. Manuela Mendoça informou a Rodríguez Colmenero de que o seu nomeamento foi decidido polos académicos de número nunha xuntanza celebrada o pasado verán, ao tempo que lle trasladaba os seus parabéns pola súa entrada na Academia Portuguesa da Historia. O profesor lugués, que deste xeito ve recoñecido o traballo desenvolvido ao longo da súa vida profesional no país luso, tanto para o Ministerio de Cultura como para a Universidade de Braga, e que sempre estivo centrado na investigación da romanización. Rodríguez Colmenero participou, entre outros traballos, en escavacións arqueolóxicas en Aqua Flavia, Vila-Real e Chaves, estudos que lle reportan un profundo coñecemento da riqueza histórica e do proceso de romanización das zonas de referencia, que estiveron moi ligadas a Lugo na época romana. Asemade, este profesor e investigador lugués, tamén estudou a historia da calzada romana denominada Vía Nova, un itinerario entre Aqua Flavia e Astorga que foi unha das grandes vías de comunicación construídas polos romanos para a conexión dos territorios baixo o seu dominio.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.10.2013.