O coloquio ‘As cidades do poder en Hispania’ citará en Humanidades investigadores de 17 universidades de cinco países

O coloquio internacional ‘As cidades do poder en Hispania’ congregará do 23 ao 25 de outubro na Facultade de Humanidades do campus de Lugo máis de vinte historiadores e investigadores pertencentes a 23 universidades de cinco países europeos.
O obxectivo deste congreso internacional, promovido pola Facultade de Humanidades do campus de Lugo en colaboración co Departamento de Estudos Clásicos da Universidade do País Vasco, e en cuxa organización tamén colabora a Deputación e o Concello de Lugo, así como o Museo do Castro de Viladonga, céntrase na análise conxunta de cidades representativas do poder romano na época imperial. A intención dos promotores deste foro, dirixido polos profesores de Historia Antiga da USC María Dolores Dopico e Manuel Villanueva, xunto con Juan Santos Yanguas, catedrático da Historia Antiga da Universidade do País Vasco, é o estudo conxunto e comparado de cidades diversas na súa orixe e cun estatuto xurídico e unha estrutura urbana diferenciadas, pero que foron fundadas e/ou escollidas expresamente para representar o poder romano. Unha vez coñecido o cometido esencial e función administrativa e institucional destas cidades, os relatores convidados a participar neste foro tratarán de pescudar que hai máis alá do poder, coa pretensión de esclarecer se estas cidades tiveron tiveron influencia en cuestións económicas, de transformación territorial e social, incidencia nas sociedades e o impacto sobre as comunidades indíxenas. As persoas interesadas en participar como asistentes neste coloquio internacional, que se estrutura en 30 horas lectivas, poden facer a súa inscrición ata o 15 de outubro na páxina web www.usc.es/humanidades. O prezo da matrícula é de 30 euros para estudantes da USC e titulados desempregados, e de 50 euros para o resto de persoas interesadas. Os organizadores deste coloquio internacional teñen solicitado á USC a concesión dun crédito de libre configuración para os asistentes.