O embaixador da República Checa apoia a ensinanza da súa lingua e cultura na Universidade de Santiago

O embaixador da República Checa, Martin Kosatka, visitou este martes a Universidade de Santiago, onde foi recibido polos vicerreitores de Relacións Institucionais e de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Lourenzo Fernández Prieto e Máximo Plo, respectivamente. Logo da recepción, o embaixador participa nunha charla-coloquio ás 19:30 horas na Sala de Xuntas da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais (Campus Sur).
O obxectivo da visita é apoiar a ensinanza da lingua checa no Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC, para o que fixo entrega de 30 libros en checo e en español, 50 películas, 100 libros de texto, material didáctico e folletos informativos sobre a República Checa. A doazón efectuouse durante o encontro cos vicerreitores e en presenza do director do Centro de Linguas Modernas da USC, Ignacio Palacios Martínez, a profesora de lingua checa do CLM Katerina Vlasakova, e a agregada de Cultura e Educación da Embaixada, Zuzana Skalná.
Para a República Checa, o ensino da súa lingua, literatura e cultura na Universidade de Santiago é de grande importancia. A sección de lingua checa do Centro de Linguas Modernas, antes Instituto de Idiomas, foi creada en 1988 e o vindeiro ano 2008 celebrará o seu 20 aniversario. Neste tempo foron decenas os alumnos que asistiron a cursos de checo anuais de 80 horas, intensivos de verán ou módulos de autoaprendizaxe no Centro de Recursos de Idiomas do CLM da USC. Os alumnos participaron ademais en numerosos actos culturais así como en traducións e outros proxectos (CHESGA ‘lectura multilingue de contos breves’). Baixo a coordinación da profesora Vlasakova traduciron o libro de contos humorísticos do autor checo J. Suchý (2000) Cen contos, ou sexa, un plan incumprido, que foi a primeira tradución do checo ao galego dunha obra de creación.
Ademais da provisión de material didáctico e a colaboración na organización de diversas actividades culturais, o Goberno da República Checa apoia a ensinanza do idioma na USC coa proposta, a través da Embaixada Checa, de polo menos un estudante do CLM para obter unha das 7 bolsas para estudos eslavos de verán nunha das universidades checas, en virtude dun acordo bilateral Trátase dun programa que ofrece a España o Ministerio de Educación e Cultura Física checo segundo un acordo bilateral.