Pasar al contenido principal
STG

As prácticas comerciais desleais analízanse nunha xornada que se celebra na Facultade de Dereito da USC

A vicerreitora de Calidade e Planificación, María Paz García Rubio, asistiu á inauguración do encontro no que se lembrou ao catedrático Lete del Río

A Facultade de Dereito da USC acolle este venres unha xornada sobre as prácticas comerciais desleais na que participan expertos que están a analizar o impacto da Directiva 2005/29/EC asinada polo Consello e o Parlamento Europeo coa finalidade de clarificar os dereitos dos consumidores da UE.
O encontro inaugurouno a vicerreitora de Calidade e Planificación, María Paz García Rubio, quen lembrou a ausencia do profesor Javier Lete que continúa hospitalizado debido a un accidente de tráfico, e ao seu pai, o catedrático da USC Lete del Río, recentemente falecido no mesmo sinistro.
Aprobada en maio de 2005, a Directiva 2005/29/EC regula todas as relacións comerciais dentro da Unión Europea, prohibindo prácticas desleais como a venta por presión, o engano ou a publicidade inxusta. Deste xeito, todos os consumidores europeos están protexidos polas mesmas normas.
Os profesores da USC Francisco Hernández Rodríguez e Carlos Ruiz Miguel e a técnico do Centro de Documentación Europea Elena Pérez Carrillo explicarán esta directiva, a súa aplicación en España e a relación entre as prácticas comerciais desleais e os dereitos fundamentais. Asemade, o profesor da Escola de Economía de Londres, Hugh Collins, e o docente da Universidade de Bayreuth, Stefan Leible, falarán sobre o desenvolvemento desta lexislación no Reino Unido e en Alemaña, respectivamente.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.04.2007.