Continúa o ciclo de conferencias sobre tráfico xurídico externo e sistema de dereito internacional privado
O ciclo de conferencias sobre Tráfico xurídico externo e sistema de Dereito internacional privado que organiza o Grupo de Investigación De conflictu legum, continúa este venres, día 27, coa intervención de Alegría Borrás Rodríguez, catedrática da Universidade de Barcelona. A profesora catalá falará, ás 12:30 horas no Salón de Graos da Facultade de Dereito, dos efectos ad extra da comunitarización do Dereito internacional privado.
Enmarcado no mesmo ciclo, a catedrática da Universidade Pompeu Fabra Nuria Bouza Vidal examinará, o 11 de maio, o futuro da lei aplicable ás obrigas contractuais coa súa charla ‘Innovación e continuidade na proposta de Regulamento Roma I’. Este I Ciclo de Conferencias De conflictu legum será pechado o 16 de maio por Rafael Arenas García, catedrático da Universidade Autónoma de Barcelona, cunha disertación sobre a regulación das crises matrimoniais internacionais na Unión Europea.