Pasar al contenido principal
STG

Humanidades abordará a finais de febreiro nun simposio a figura dos notarios e os documentos na Idade Media e Moderna

Cartaz do simposio
Cartaz do simposio
O programa, dirixido polo profesor Fernández Suárez e que se desenvolverá o días 27 e 28, inclúe sete relatorios e unha visita ao Arquivo Histórico Provincial de Lugo

O I Simposio do Notariado en Galicia abordará os días 27 e 28 de febreiro na Facultade de Humanidades do campus de Lugo a figura dos notarios e os documentos na Idade Media e Moderna.

Este programa, dirixido polo profesor da Universidade de Santiago Gonzalo Francisco Fernández Suárez e organizado ao abeiro dun convenio asinado entre a institución académica e o Colexio Oficinal de Notarios de Galicia, está aberto á participación de todas as persoas interesadas neste eido temático estreitamente ligado coas ciencias humanas. Os escribáns das Terras de Nemancos e das Xuntas do Reino de Galicia, os minutarios notariais do arquivo da catedral de Ourense, a organización e descrición arquivística dos protocolos notariais, así como os notarios de Tui e de Viveiro e o notariado de número e concello compostelán nos inicios da Idade Moderna constitúen os eixos temáticos sobre os que versarán os sete relatorios programados neste I Simposio do Notariado en Galicia, que rematará o 28 de febreiro cunha visita ao Arquivo Histórico Provincial de Lugo. A inscrición neste simposio é gratuíta e as persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición antes do 25 de febreiro a través do enderezo de correo electrónico fhadeca [at] usc.es (fhdeca[at]usc[dot]es). As persoas interesadas deben indicar na súa solicitude os seus datos persoais, DNI, teléfono de contacto e enderezo electrónico, domicilio e ocupación. Todas as persoas que participen en asistan ás distintas sesións programadas neste simposio recibirán cadanseu diploma de asistencia. O programa do curso está accesible na páxina web da Facultade de Humanidades da USC e as persoas interesadas poden acadar máis información a través do enderezo de correo electrónico gonzalofrancisco.fernandez [at] usc.es (gonzalofrancisco[dot]fernandez[at]usc[dot]es).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.02.2014.