Ir o contido principal
STG

Centro de Linguas Modernas

Durante os teus estudos na USC podes mellorar as túas destrezas en linguas estranxeiras, así como aprender outros idiomas no Centro de Linguas Modernas.

Certificar

Para obter o título de Grao na USC é preciso acreditar un coñecemento dun idioma estranxeiro nun nivel B1 ou superior, consonte ao Marco Europeo Común de Referencia para as linguas (MECR). Tamén para formalizar a matrícula no máster que habilita para o exercicio das profesións de Profesor de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas é necesario acreditar o nivel B1 (MECR) de coñecemento dunha lingua estranxeira.

O nivel B1 do Marco Europeo corresponde ao que tradicionalmente se chama “nivel intermedio” dun idioma. O nivel B1 de coñecemento da lingua estranxeira pode acreditarse de distintas formas na USC, estas son as máis frecuentes:

  • Superando os Exames de Competencia Lingüística organizados polo Centro de Linguas Modernas da USC (B1-a e B1-b).
  • Superando un curso do Centro de Linguas Modernas da USC de nivel B1 ou superior (MECR).
  • Achegando algún dos títulos ou diplomas de coñecemento de linguas recoñecido pola USC.

Mobilidade internacional

Para solicitar as bolsas de mobilidade internacional é preciso acreditar tamén coñecementos dun idioma estranxeiro. O nivel B1 é esixido pola propia USC para poder optar ao programa Erasmus +, algunhas universidades de destino xa esixen un nivel superior (B2). No Centro de Linguas Modernas organizamos e administramos as probas de idiomas B1 e B2, e podemos asesorarte sobre a túa formación lingüística.

Mundo laboral

Sen coñecementos de idiomas é moi difícil conseguir un traballo cualificado, cantos máis idiomas coñezas e máis experiencia internacional poidas demostrar, mellores posibilidades de acceso ao mercado laboral terás.

Os cursos do Centro de Linguas Modernas da USC

  • Están pensados para que se poidan seguir durante os teus estudios universitarios: que che permitan MELLORAR as destrezas e tamén se o necesitas CERTIFICAR o nivel. Son dúas sesións semanais de 90 minutos cada unha. Poden ser anuais (80 h de clase +20 de traballo) ou semestrais (40 h de clase + 10 de traballo), e son recoñecibles como créditos cando son distintas ao mínimo obrigatorio polo Grao.
  • Para matricularse nun curso que non sexa inicial, hai que facer un test de nivel previo, se nunca cursaches antes con nós: podes acceder directamente dende a túa secretaría virtual, no apartado “Oferta”. Se non es membro da USC tamén te podes matricular, o único requisito é ter máis de 16 anos.
  • O Centro de Linguas Modernas atópase no Complexo Docente da Facultade de Humanidades, na planta baixa do Aulario, onde dispoñemos de aulas multimedia de idiomas. No Campus de Lugo ofrecemos cursos de alemán, francés, inglés e portugués, ademais de galego para non galegofalantes e español como lingua estranxeira.

 
Pensa en formarte en linguas estranxeiras pouco a pouco durante os teus estudos: non é unha aprendizaxe teórica, senón práctica, e iso require tempo. Calcúlao se tes pensado solicitar unha estadía internacional ou simplemente para poder obter o título de Grao. No CLM podemos darche a información que precises.

Centro de Linguas Modernas

Persoal

Administración

Negociado de Alumnado

Enderezo
Edificio Intercentros. 27002 Lugo
Teléfonos
982823579
Email
clm@usc.es
Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.12.2021.