Ir o contido principal
STG

Emprega-T Fest

19.09.2024 | 10.00h

Praza Horta do Seminario de Lugo

O festival ofrecerá en Lugo “un espazo dinámico e cheo de enerxía” para dar resposta aos diferentes perfís de demandantes de emprego

Detalle do cartel
Detalle do cartel

O Emprega-T Fest nace para ser “un espazo dinámico e cheo de enerxía” que conecte, este xoves 19 de setembro, as empresas cos diferentes perfís de demandantes de emprego. O evento, organizado polo Campus Terra e a Área de Orientación Laboral da USC, en colaboración co Concello de Lugo e coa Asociación de Empresarios do polígono do Ceao - As Gándaras, ofreceu a través da súa páxina web a posibilidade de que as persoas interesadas rexistrasen os seus respectivos currículos. O evento está financiado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, así como pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

O acto inaugural botará a andar ás 10.00 horas, na Praza Horta do Seminario de Lugo, coas intervencións do vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo da USC, Francisco Fraga López; Paula Alvarellos Fondo, alcaldesa do Concello de Lugo; Francisco Dorado Vizcaíno, conselleiro delegado da Asociación de Empresarios do Ceao e As Gándaras; Pablo Fernández López, secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia; e Pablo Rivera Capón, deputado da Área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo.

A primeira parte da actividade, que terá lugar ata as 19.00 horas, ten como obxectivo “potenciar as oportunidades laborais das persoas demandantes de emprego ou con ganas de mellorar a súa situación profesional”, explican dende o Campus Terra da USC. O evento contará con espazos expositivos onde as empresas presentarán a súa oferta de Recursos Humanos e como desenvolver a carreira profesional dentro delas; unha zona de entrevistas rápidas ou Speed Dating,  na que se realizarán entrevistas dunha duración de 15 minutos entre empresas e persoas candidatas; así como mesas redondas, charlas de empresas e talleres formativos vinculados ao mercado laboral. Tamén se contará cun espazo de ocio onde as persoas asistentes poderán desfrutar de food trucks e música. 

A partir das 19.00 horas, o festival dará paso a unha serie de actividades de carácter máis lúdico como un obradoiro de danza tradicional con Adrián Méndez; unha foliada cos grupos Axeigo e Cantareiras de Cantigas e Frores; así como un concerto do grupo Capital Voskov que servirá de colofón á xornada. 

Tal e como destaca Elvira López Mosquera, delegada do reitor para o Campus Terra, as persoas asistentes poderán participar en actividades “que faciliten a súa incorporación ao mundo laboral, interactuando con persoal recrutador de empresas de distintos sectores, asistindo a conferencias e mesas redondas, potenciando as súas competencias e habilidades comunicativas a través dos obradoiros e presentando o seu talento nas entrevistas rápidas coas empresas”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.09.2024.