Ir o contido principal
STG

Ovella: innovación, empatía e la galega para protexer ás persoas maiores do rural

Os membros do equipo de Ovella, tras gañar o Terra Creative Jam
Os membros do equipo de Ovella, tras gañar o Terra Creative Jam
O proxecto impulsado por cinco estudantes do Campus Terra logra o primeiro premio no Terra Creative Jam

O futuro do rural galego pode pasar por ideas tan enxeñosas como humanas. Unha delas chámase Ovella, un proxecto que acaba de alzarse co primeiro premio do Terra Creative Jam 2025, o evento de innovación e creatividade impulsado polo Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a incubadora Lug Open Factory. Durante dous días intensos de traballo colaborativo, os equipos participantes afrontaron o reto de «reinventar o rural», buscando solucións que combinan sustentabilidade, tecnoloxía e compromiso social.

E, nese contexto, Ovella destacou pola súa capacidade para tecer innovación e empatía: un dispositivo anticaídas integrado en pezas de la galega que promete mellorar a seguridade e a calidade de vida das persoas maiores.

Unha idea nada da empatía

«Queriamos centrarnos nas persoas que xa viven no rural, naquelas que senten que deben marcharse por medo ou desprotección», explican os promotores de Ovella.

O punto de partida foi o despoboamento: moitos maiores abandonan as súas casas de toda a vida porque temen quedar sós ou sufrir unha caída sen poder recibir axuda.

A partir desa reflexión, o equipo pensou nunha solución que combinase tecnoloxía, deseño e proximidade emocional. Así naceu Ovella, unha proposta que integra un sistema airbag en pezas confeccionadas con la galega, un material sostible e tradicional que, ademais, devolve valor a un recurso local en desuso.

A aposta non era só pola seguridade, senón tamén pola dignidade e a estética. «Queriamos crear un produto que as persoas maiores quixesen levar, que non as estigmatizase, senón que as fixese sentirse cómodas e elegantes», subliñan.

Por iso é polo que Ovella sexa, ao mesmo tempo, unha peza de moda e un sistema de protección intelixente, pensado con sensibilidade e respecto cara a quen o utilizará.

Tecnoloxía ao servizo das persoas

O sistema de Ovella baséase nun microcontrolador de baixo custo que coordina sensores, comunicacións e o disparo do airbag. Dous acelerómetros triaxiales monitorizan o movemento do usuario e detectan aceleracións bruscas ou caídas. Se se supera un limiar predefinido, o dispositivo desprega un airbag que protexe a cadeira e a parte superior da perna, zonas especialmente vulnerables neste tipo de accidentes.

Ademais, o sistema envía automaticamente un sinal de emerxencia a través dun módulo GSM, incluíndo as coordenadas GPS do usuario en tempo real.

Esa información chega tanto aos servizos médicos como a familiares ou contactos configurados previamente, permitindo unha resposta rápida. «Queriamos un sistema seguro, funcional e alcanzable, que non dependese de grandes dispositivos externos nin resultase invasivo», sinalan os integrantes do equipo.

O resultado é unha tecnoloxía eficiente e discreta, pensada desde a accesibilidade económica e a sustentabilidade ambiental, con materiais locais e un deseño que evita a obsolescencia.

Innovar con raíces

O nome do proxecto non é casual. Ovella remite directamente ao material que o fai posible: a la. Pero tamén simboliza a conexión entre tradición e futuro, entre o rural e o tecnolóxico.

«Gústanos pensar que partimos da materia prima dos gandeiros galegos e devolvémoslla transformada en forma de seguridade e estética», explican os creadores. Deste xeito, Ovella non só protexe ás persoas maiores, senón que reactiva un tecido produtivo local, promove a economía circular e da unha nova vida a un material sostible e de proximidade.

Un equipo diverso para un mesmo propósito

Un dos puntos fortes do proxecto foi a diversidade do equipo, integrado por perfís complementarios. Anthía Láuzara e Pablo Saldaña, do ámbito educativo, achegaron a mirada social e pedagóxica. David López, opositor a policía local, sumou unha sensibilidade especial cara á seguridade e o coidado das persoas maiores.

Sara Cabaleiro, estudante de Bioloxía, contribuíu co seu coñecemento sobre la e gandería. E Diego Rodríguez, enxeñeiro industrial especializado en electrónica e automática, encargouse do deseño técnico do sistema airbag.

A combinación de experiencias e perspectivas distintas deu lugar a un traballo sólido e equilibrado. «O premio foi a confirmación de que o esforzo e a cooperación dan resultados», aseguran.

Da idea ao futuro

Gañar o Terra Creative Jam 2025 supuxo para o grupo unha inxección de enerxía e confianza. «Foi tremendamente motivador. Demostrounos que cando as ideas trabállanse con ilusión e empatía, poden transformarse en algo real», afirman.

Agora, o seu obxectivo é dar continuidade a Ovella, explorando vías de desenvolvemento e posibles colaboracións que permitan converter o prototipo nun produto real.

Ovella é moito máis que unha peza con tecnoloxía incorporada. É unha declaración de principios sobre como a innovación pode mellorar a vida no rural, conectando tradición, tecnoloxía e coidado humano. En palabras dos seus creadores, «pensamos no que nos gustaría levar cando cheguemos a esa idade. E aí naceu Ovella: da empatía, do agarimo e das ganas de que ninguén teña que marcharse do seu fogar por medo a caerse».

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.10.2025.