Ir o contido principal
STG

O Proxecto

O Campus Terra nace como resultado do acordo entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Secretaría Xeral de Universidades, dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, coa intención de transformar o campus de Lugo nun referente científico e social nos ámbitos de coñecemento vinculados á sustentabilidade económica, social e medioambiental do uso da TERRA.

Campus de Lugo
Campus de Lugo

Este campus conforma un entorno universitario especializado no eido agroalimentario desde unha perspectiva multidisciplinar que abarca os eidos medioambiental, económico, social e cultural, tanto na súa vertente docente —con titulacións de grao, máster e programas de doutoramento—, como na súa dimensión investigadora, con actividades de transferencia e difusión ao sector produtivo e á sociedade en xeral. A Universidade de Santiago de Compostela configura este campus como un entorno de coordinación con outros actores dedicados a este ámbito de especialización nun senso amplo e ábrese ao exterior a través das necesarias alianzas estratéxicas dirixidas a apoiar as potencialidades galegas neste eido.

O Campus Terra de Lugo considérase un núcleo de actividade académica e de relación coa sociedade no campo do uso sustentable da terra e dos seus recursos que se complementa coas actividades propias do conxunto das facultades e escolas que o integran (Escola Politécnica Superior de EnxeñaríaFacultade de VeterinariaFacultade de CienciasFacultade de HumanidadesFacultade de Formación do ProfesoradoFacultade de Administración e Dirección de Empresas) e dos seus dous centros adscritos (Escola de Enfermería e Escola de Relacións Laborais).

O modelo docente das titulacións que se imparten no campus é intensivamente práctico e completamente coordinado cos seus respectivos sectores de aplicación. Afonda, pois, na obtención de coñecementos e competencias que favorezan a empregabilidade. Neste sentido, dáselle moita importancia ao conxunto de actividades formais e informais que se promoven desde o campus, as cales proporcionan saber e valores. Esta formación enriquécese cos centos de convenios que promoven a realización de prácticas externas. A oferta oficial de graos compleméntase coa oferta de másteres, algúns dos cales son de natureza interuniversitaria, como é o caso do Grao en Paisaxe (impartido conxuntamente coa Universidade da Coruña) ou os mestrados en Xenómica e Xenética e en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados (ambos os dous impartidos conxuntamente coa Universidade de Vigo). Ademais, a oferta docente nútrese de cursos de especialización e cursos de formación continua.

A investigación no eido agroalimentario que se desenvolve no Campus Terra de Lugo ten o seu epicentro administrativo no edificio Cactus e lévana a cabo un conxunto de investigadores e profesores que integran diversos grupos de investigación pertencentes ás distintas facultades e escolas. Gran parte destes investigadores e investigadoras conforman a Agrupación Estratéxica do Campus Terra BioReDes, Xestión e produción sostible de Bio-Recursos, a cal aspira a vertebrar unha estratexia de I+D para o sector primario de Galicia. Ademais, o Campus Terra de Lugo posúe catro plataformas tecnolóxicas: Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías AlimentariasEnxeñaría da Madeira EstruturalSecuenciación e Xenómica FuncionalSistema de Información Territorial.

A transferencia de coñecemento e tecnoloxía, a promoción da innovación (empresarial e social) e as actividades ligadas á responsabilidade social universitaria tamén son eixos fundamentais do Campus Terra de Lugo. Nesta liña, o campus impulsa cada ano distintos programas de emprendemento. Paralelamente, unha das prioridades do Campus Terra de Lugo está relacionada cos aspectos culturais e sociais do uso da terra. Neste senso, resulta capital mencionar a creación en xullo de 2016 da Cátedra do Pan e do Cereal, que alberga como obxectivos xerais a investigación, o fomento da docencia e a difusión dos coñecementos no ámbito do pan e dos cereais, tanto dende a perspectiva da historia da súa elaboración, como da mellora dos cereais que permiten a produción do pan galego, así como os procesos de panificación con metodoloxías innovadoras e alternativas para conseguir un valor engadido.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.09.2024.