Ir o contido principal
STG

A Asociación de Profesorado Emérito da Universidade de Santiago de Compostela renova a súa Xunta Directiva

A asociación conta con máis dun cento de socias e socios. Foto: Santi Alvite
A asociación conta con máis dun cento de socias e socios. Foto: Santi Alvite
Conta con máis dun cento de socias e socios

A asemblea xeral da Asociación de Profesorado Emérito da Universidade de Santiago de Compostela acaba de renovar, en sesión extraordinaria, a súa xunta directiva. Tras a preceptiva presentación de candidaturas, elixiuse por asentimento como novo presidente o profesor José Manuel Sabucedo Cameselle, catedrático de Psicoloxía Social. Acompáñano no equipo Juan Manuel Viaño Rey, de Matemática aplicada, como vicepresidente; Teresa Fanego Lema, de Filoloxía inglesa, como secretaria; Laura Sánchez Piñón, de Xenética, como tesoureira; e Juan Luis Barja Pérez (Microbioloxía), Adriana Gewerc Barujel (Didáctica e Organización Escolar) e Eugenio Uriarte Villares (Química Orgánica) como vogais.

O novo equipo márcase para o seu bienio de mandato consolidar os fins estatutarios e o labor realizado polos membros fundadores, facendo especial fincapé en visibilizar a contribución do profesorado emérito na actividade investigadora, docente e de asesoramento académico.

A anterior xunta directiva estaba dirixida polo profesor José María Fraga Bermúdez, e con Carlos Pajares Vales como vicepresidente, Alberto Arce Arce como tesoureiro, Alfonso Rey Álvarez como secretario e Ermelindo Portela Silva como vogal, a quen lle agradecen o seu traballo nestes anos que van  dende a súa fundación.

A Asociación de Profesores Eméritos inscribiuse na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia en xuño de 2019. Os seus Estatutos (Artigo 6) contemplan a defensa dos dereitos dos profesores eméritos, a colaboración coa Universidade e outros organismos e institucións así como a promoción das actividades científicas, docentes e culturais levadas a cabo polos seus membros.

Na actualidade, conta con 51 profesores eméritos contratados e 52 profesores eméritos que remataron o seu período de contratación pero manteñen a súa actividade e vinculación científica coa USC.

Foto de grupo da asemblea xeral celebrada estes días
Foto de grupo da asemblea xeral celebrada estes días
Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.02.2026.