Ir o contido principal
STG

A Cátedra Rosalía de Castro da USC impulsa o primeiro museo en liña de iconografía rosaliana

Detalle do percorrido virtual polo Museo
Detalle do percorrido virtual polo Museo
A iniciativa que agora dá os seus primeiros pasos reúne e fai accesible material visual fundamental para comprender como se representou e conmemorou a imaxe da autora ao longo do tempo
Santiago de Compostela

O Museo virtual de iconografía de Rosalía de Castro nace como primeiro espazo dixital integramente dedicado á iconografía rosaliana, pensado tanto para a investigación como para a divulgación e a educación patrimonial. O percorrido organízase en torno a un extenso e heteroxéneo corpus de fontes visuais que abrangue desde o século XIX ata a actualidade, o que permite rastrexar distintos réximes de representación e estratexias de memorialización arredor da autora. A iniciativa que agora dá os seus primeiros pasos é o resultado do proxecto ‘Rosalía 2.0: catalogación, estudo e dixitalización da iconografía sobre Rosalía de Castro’, un traballo desenvolvido durante o curso 2024-2025, grazas a unha bolsa de investigación en humanidades da Deputación da Coruña, por Laura Camino Plaza. Cedido para a súa preservación e difusión á Cátedra Rosalía de Castro da USC, este museo reúne e fai accesible material visual fundamental para comprender como se representou e conmemorou a imaxe da autora ao longo do tempo.

A investigación de Laura Camino permitiu reunir, analizar e difundir un corpus iconográfico heteroxéneo, procedente de distintas fontes e épocas, e transformalo nun espazo dixital accesible e susceptible de actualización, pensado tanto para o público xeral como para a comunidade académica. “A posibilidade de incorporar novas pezas garante que o museo permaneza como un proxecto vivo e colaborativo”, destacan dende esta cátedra institucional da USC.

Laura Camino Plaza é filóloga clásica e doutora en Estudos da Literatura e da Cultura pola Universidade de Santiago de Compostela. Especializouse en estudos de xénero, teoría e historia das emocións e humanidades dixitais, ámbitos nos que desenvolveu varios proxectos de investigación e publicou diversos artigos. O seu proceso de traballo para este proxecto combinou metodoloxías tradicionais de análise documental coa aplicación de ferramentas dixitais, demostrando a utilidade de integrar enfoques interdisciplinarios no estudo do patrimonio literario.

Rosalía, símbolo identitario en continua reconfiguración

Entre as conclusións da investigación, destaca a pluralidade de imaxes de Rosalía de Castro, que revela a súa condición de mito en continua reconfiguración, capaz de adaptarse ás necesidades simbólicas e afectivas de cada época. Por outra banda, a dimensión emocional e identitaria da iconografía rosaliana explica a permanencia da autora no imaxinario galego, onde funciona como elemento cohesivo dunha comunidade cultural diversa e mesmo transnacional. Finalmente, o percorrido proposto no museo virtual permite analizar o papel das institucións e do mercado cultural na consolidación, homenaxe e reapropiación da imaxe da escritora, facendo visibles as lóxicas institucionais e as estratexias de mercantilización que interveñen na canonización da autora e na reformulación estética e simbólica da súa representación iconográfica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.12.2025.