PEGADAS formou máis de 250 mozos e mozas de Galicia e Portugal cun plan innovador a través do Camiño
O proxecto PEGADAS pechou este mes o seu percorrido en Galicia tras formar máis de 250 mozos e mozas e con máis de 120 participantes participando nas expedicións polo Camiño de Santiago, logo de comezar en 2024 dirixido a persoas de entre 18 e 29 anos de Galicia e o norte de Portugal.
PEGADAS é un proxecto transfronteirizo que desenvolveu unha metodoloxía de aprendizaxe experiencial vinculada a etapas do Camiño de Santiago para dotar a xuventude de ferramentas útiles nunha contorna de cambio, conectando participantes de Galicia e do norte de Portugal.
O programa foi creado cun obxectivo claro: aumentar a empregabilidade da mocidade e proporcionarlles ferramentas prácticas a través dunha formación innovadora que combina contidos en liña —nunha plataforma de aprendizaxe virtual— cunha fase experiencial en expedicións ao longo do Camiño de Santiago. Esta metodoloxía permite aos participantes adestrar competencias transversais relacionadas co emprendemento, o pensamento crítico, a dixitalización e a sustentabilidade a través da experiencia práctica e o traballo en equipo.
Ademais, PEGADAS consolidouse como unha experiencia de conexión entre Galicia e Portugal, na que os participantes puideron explorar ambas as rexións, compartir cultura e lingua, forxar lazos e desenvolver unha perspectiva compartida sobre os desafíos actuais, desde o punto de vista do territorio e a convivencia. Esta dimensión tradúcese directamente en cooperación transfronteiriza, ao xerar redes entre mozos e mozas de ambos os dous lados da fronteira e activar un modelo de colaboración baseado no intercambio real, a aprendizaxe compartida e o coñecemento mutuo.
Presentación de resultados
Os resultados do proxecto presentáronse este mes nunha xornada en Santiago, que se repite en Portugal, na que participou o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo Costa, así como representantes das diferentes entidades sociais e formativas que integran o consorcio do programa, que subraiaron o valor dunha iniciativa deseñada especificamente para a xuventude e baseada na combinación de formación, convivencia e experiencias reais no territorio.
Cunha proposta pensada a medida das necesidades da mocidade, PEGADAS pechou así o seu percorrido acompañando a xóvenes nun proceso formativo útil, conectado coa realidade e con capacidade de deixar pegada a través da participación, a creatividade e a comunidade.
PEGADAS é un programa co financiado pola Unión Europea a través do Programa Interreg VI-A España–Portugal (POCTEP) 2021–2027 (FEDER) e está impulsado pola USC, CIM Alto Minho, Instituto Politécnico de Viana do Castelo, Politécnico do Porto, Femxa e o Clúster da Comunicación de Galicia.