O proxecto estratéxico CIBERECO que lidera a USC culmina a próxima semana
O proxecto estratéxico CIBERECO, liderado pola directora científica de ECOBAS e catedrática da USC María Loureiro, culmina o vindeiro 25 de febreiro coa celebración do CIBERECO Lab no Edificio CINC da Cidade da Cultura. A vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo, e o director xeral do Instituto Nacional de Ciberseguridade-INCIBE, Félix Barrio, participarán ás 9.30 horas na benvida institucional do CIBERECO-Lab xunto coa directora do proxect.
CIBERECO, desenvolvido co financiamento do Instituto Nacional de Ciberseguridade durante os dous últimos anos, é investigación de fronteira, feita en Galicia, co obxectivo de contribuír a situármonos na vangarda da ciberseguridade a nivel global. Para contribuír a este obxectivo, a mirada experta acadada tras dous anos de traballo será compartida agora nun espazo de intersección útil, onde abordar escenarios reais dende unha perspectiva práctica. CIBERECO Lab ofrecerá esa ventá de oportunidade: unha experiencia única de transferencia de coñecemento e conexión ciencia-empresa-sociedade.
Profesionais da ciberseguridade, hackers éticos, responsables empresariais, persoal investigador da academia, responsables públicos, corpos de seguridade do Estado e tamén representantes da nova xeración de talento mozo que se está a formar nas aulas para coidar da nosa seguridade dixital, daranse cita neste espazo multidisciplinar para afondar nos riscos existentes, na análise dos impactos transversais e masivos da disrupción tecnolóxica en termos socioeconómicos e nas fórmulas e ferramentas de que dispoñemos para protexer a vida e os negocios na contorna dixital.
Entre as persoas relatoras que participan neste evento figuran Eduardo Sánchez Toril, de AllPentesting; Marta Barrio Marcos, de Securiters; Kike Gandia, da Academia de Ciberseguridad; Efrén Varón Escudero, de @dtl-code; Antonio Fernandes, da European Cyber Security Organisation (ECSO); e Irene Lapuente Aguilar, de La Mandarina de Newton, S.L.