A USC súmase á conmemoración do Día de Rosalía
Este luns 23 de febreiro conmemórase o día de Rosalía de Castro, a máis destacada escritora moderna da literatura galega. Naceu o 23 de febreiro de 1837 no Camiño Novo, do que daquela era o concello de Conxo, hoxe Praza de Vigo do concello de Santiago de Compostela. Con motivo deste aniversario, a Cátedra que leva o seu nome impulsa esta semana unha lectura antolóxica da súa obra.
Baixo a denominación ‘Vou con farois, buscándome a min mesma’, o poeta catalán Jaume Subirana, catedrático de Literatura Catalana na Universitat Pompeu i Fabra, guiará o día 26, na Facultade de Filoloxía, ás 12.00 horas, unha lectura comentada dalgúns poemas de Rosalía achegando interpretacións que os farán dialogar con versos doutras poetas referenciais da literatura mundial; entre elas, a británica Christina Rosetti, a uruguaia Juana de Ibarbourou, a xaponesa Kaneko Misuzu, a polaca Wislawa Szymborska, a catalá Maria Mercè Marçal ou a estadounidense Emily Dickinson.
O obxectivo desta lectura, que naceu en 2025 inspirada no recital antolóxico de poesía galega que se celebrou en Bos Aires en 1956 baixo a coordinación de Eduardo Blanco Amor, é provocar reflexións e conexións entre a obra de Rosalía e outras poéticas contemporáneas coas que comparte certos sinais de identidade que a converten nunha autora universal que transcende o territorio para erixirse non só na nosa poeta fundacional, senón nunha voz vixente e actual.
Rosalía e Compostela
Despois de vivir en Ortoño e Padrón, Rosalía volve ao redor de 1850 a vivir a Compostela. En Santiago viviu, entre outros lugares, na Casa da Concha, sede do Consello Social da USC, e na praza da Universidade, no actual edificio que ocupa o Instituto da Lingua Galega. Na cidade comezou a formarse ao redor da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la ciudad de Santiago. Recibiu formación musical, artística e literaria; participou nas actividades do Liceo de la Juventud, lugar de encontro dos intelectuais comprometidos co movemento provincialista como Eduardo Pondal, Aurelio Aguirre e Juan Manuel Paz Novoa.