Pasar al contenido principal
STG

O ciclo da auga no Campus Terra, das raíces ás uvas

O ciclo da auga no Campus Terra, das raíces ás uvas
O ciclo da auga no Campus Terra, das raíces ás uvas
A tese de doutoramento de María Fandiño, da EPSE da USC, analiza a cantidade de auga recibida que aproveitan os viñedos de Galicia
Lugo

Aínda que os seres vivos podemos adoptar diferentes formas e aspectos que se reflicten no noso exterior, por dentro somos ben parecidos. A nosa composición química é similar e está constituída por un elemento esencial tanto para o noso funcionamento como para o do medio ambiente e a biodiversidade: a auga.

 

Este recurso natural é o protagonista da tese de doutoramento “Necesidade de auga e influencia dos sistemas de rega en Vitis vinífera Var. Albariño” desenvolvida pola investigadora do grupo Proxectos e Planificación (PROePLA) María Fandiño Beiro. Este traballo, baixo a dirección de Javier J. Cancela, vén de presentalo na EPSE do Campus Terra da USC.

 

As raíces da súa investigación oriéntanse cara á análise das necesidades de auga que presentan as vides de Galicia, o que sitúa o estudo como pioneiro neste eido no territorio galego. Neste senso, María Fandiño achega na súa tese unha serie de ferramentas, entre as que destaca a rega, que poden axudar a mellorar o proceso de adaptación desta viticultura ao cambio climático.

 

Co fin de conseguir unha boa fermentación, realiza un detallado exame das diferentes estratexias de rega nas vides ao longo das etapas de formación dos gromos, da floración e do envero. Con respecto a todo o anterior, conclúe que iniciar a aplicación de auga nesta última fase supón unha aproximación para o equilibro vexetativo-produtivo e favorece a obtención dunha calidade de uva axeitada.

 

Como froito do seu traballo logrou determinar que as cepas da vides aproveitan entre un 30 e 40% da auga recibida en forma de precipitacións ou mediante o sistema de rega. Namentres, a cuberta vexetal existente consome outro terzo de recursos hídricos dispoñibles e o 40% restante desaparece por evaporación do solo, un proceso positivo ao achegarlle humidade á terra.

 

Para completar este ciclo da auga, tamén recolleu na súa tese os coeficientes culturais que permiten xestionar a rega dunha forma práctica para as persoas viticultoras. Deste xeito, ademais de deixarlle un bo sabor de boca ao Campus Terra grazas ao seu estudo, tamén facilita a transferencia das pescudas da investigación ao sector vitícola galego para acadar unha mellora na produtividade dos cultivos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.02.2022.