Pasar al contenido principal
STG

O desenvolvemento rural, o camiño conxunto de Aresa e o Campus Terra

O desenvolvemento rural, o camiño conxunto de Aresa e o Campus Terra
O desenvolvemento rural, o camiño conxunto de Aresa e o Campus Terra
O XXII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural mantén aberta a súa nova convocatoria ata o 14 de xaneiro do 2022
Lugo

O camiño na dirección da sostibilidade económica, social e medioambiental do emprego da terra é igual que a vida dunha persoa: presenta curvas, obstáculos, baixadas e subidas, pero as ganas e a motivación por chegar ao destino fan que cada pequeno avance sexa ben satisfactorio.

 

Neste senso, logo de 22 anos, chega unha nova edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, promovido polo grupo Aresa e a Universidade de Santiago de Compostela. A súa convocatoria permanecerá aberta ata o vindeiro 14 de xaneiro do 2022, segundo recolle o convenio asinado recentemente polo reitor Antonio López e mais Álvaro Rodríguez Eiras, presidente de Aresa.

 

Esta iniciativa está destinada dende o seu comezo, no ano 2000, a recoñecer os proxectos presentados por entidades, empresas, grupos de investigación, asociacións ou persoas individuais que contribúan ao impulso do rural de Galicia. Deste xeito, para poder participar neste certame, o traballo en cuestión debe pertencer a algunha destas tres categorías: mellora do benestar da xente que vive no campo e traslada os problemas do medio rural ao resto da sociedade, incentivo do I+D+i no ámbito agrícola e/ou gandeiro, traballo pola sostibilidade dos recursos naturais e o respecto á natureza.

 

Para formalizar a inscrición no Premio Aresa, as persoas interesadas teñen á súa disposición na páxina web as bases coa documentación requirida. A súa entrega pode realizarse en calquera dos rexistros xerais, tanto físico como electrónico, da USC no Campus Terra e na sede universitaria de Santiago de Compostela.

 

O broche de ouro desta edición porase semanas despois do peche da convocatoria. O acto de comunicación e entrega do galardón, unha gratificación en metálico de 10.000 euros e unha placa conmemorativa, celebrarase na cidade de Lugo. Polo xeral, agás a edición anterior por mor das restricións derivadas da pandemia, adoita ter lugar no auditorio da Facultade de Veterinaria.

 

Na convocatoria do 2020, a cría tradicional do gando e o crecemento económico sostible do campo outorgaron a coroa á cooperativa A Carqueixa dos Ancares. Da mesma forma que este proxecto deixou ben claro que falar de Lugo e do Campus Terra é falar do compromiso coa terra, é indubidable a gran traxectoria neste eido do Premio Aresa, que xa ten acadado un recoñecido prestixio no sector.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.02.2022.