Pasar al contenido principal
STG

Divulgaterra, o menú coa investigación feita en Lugo

Divulgaterra, o menú coa investigación feita en Lugo
Divulgaterra, o menú coa investigación feita en Lugo
O Campus Terra impulsa dende 2016 a iniciativa Divulgaterra como unha maneira de contribuír á visibilidade da gran tarefa investigadora que a comunidade universitaria está a levar a cabo dende Lugo,...
Lugo

O Campus Terra impulsa dende 2016 a iniciativa Divulgaterra como unha maneira de contribuír á visibilidade da gran tarefa investigadora que a comunidade universitaria está a levar a cabo dende Lugo, ao tempo que se reforza o papel do idioma galego como lingua da comunicación e da divulgación científica.

 

Nesa liña, este proxecto naceu co obxectivo fundamental de achegar a ciencia dende unha perspectiva divulgativa a un público amplo. Para acadalo, o Campus Terra ten deseñado, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da USC, un formato dinámico no que cada participante conta con dez minutos para presentar as súas liñas de investigación cun ton dinámico e en lingua galega.

 

Nunha terra coma a de Lugo, na que a gastronomía é, sen dúbida, unha das protagonistas, o enfoque co que o Campus Terra formula esta xornada é o de petiscos de divulgación científica. E é que, do mesmo xeito que antes do xantar senta moi ben un aperitivo contundente que sirva para ir abrindo boca, tamén a investigación se pode compartir con pequenas pílulas.

 

Co frutífero balance e coa experiencia que dan as tres edicións anteriores, este pasado xoves comezaba no auditorio da Casa do Saber de Lugo o Divulgaterra 2019, no que intervirán 24 investigadores distribuídos en tres sesións organizadas ao redor de tres eixes temáticos: Ciencias da Saúde (xoves 7), Ciencia e Tecnoloxía da Arte (xoves 14) e Humanidades e Ciencias Sociais (xoves 21). Estas achegas terán lugar tanto en formato relatorio (vinte delas) coma en pósters (as catro restantes).

 

Deste xeito, na primeira xornada o protagonismo foi para seis mozos investigadores do Campus de Lugo, quen presentaron as liñas mestras dos seus proxectos ante un auditorio que seguiu sen pestanexar as súas intervencións. Así, a encargada de abrir o menú foi Paula Rodríguez Villamayor, co petisco ‘Da granxa ao prato: papel das feromonas na produción cunícula’. Esta especie animal tamén foi protagonista na sesión de Cynthia López Novo, quen abordou o virus da mixomatose na ‘Distribución ambiental do virus da mixomatose do coello nunha granxa infectada’.

 

As investigacións no campo animal tamén vertebraron o discurso de María Isabel Quiroga Berdeal, quen se achegou á relación entre eles e o cancro en ‘Cancro e animais’, así como o de Marta López Alonso, quen reivindicou o papel dos animais domésticos na sesión ‘Os animais domésticos como sentinelas do medio ambiente’.

 

O ciclo de petiscos culminou con senllas intervencións de Lara Rouco Méndez e Mateo Vázquez Torres, quen falaron sobre ‘Enzimas artificiais con actividade antioxidante’ e ‘Amor a primeiro arrecendo’, respectivamente.

 

O colofón desta primeira xornada correu a cargo de Ángeles Romero, catedrática da Área de Tecnoloxía de Alimentos da USC, quen profundizou nos alimentos procesados, unha cuestión de actualidade da que debullou o propio concepto, así como a clasificación dos alimentos segundo o seu procesado e como identificalos. No seu relatorio tamén puxo sobre a mesa as razóns polas que se fai recomendable un consumo moderado destes produtos dentro dunha alimentación saudable.

 

Co bo sabor de boca que deixou a xornada do pasado xoves, o día 14 de novembro serán os investigadores das áreas de Ciencia e Tecnoloxía quen tomen o relevo co mesmo reto de achegar as súas investigacións en galego ao público que, a partir das 19 horas, volverá á Casa do Saber.

 

Entre as intervencións previstas para esta semana atópase a de Azucena Mora, profesora da USC e investigadora do Laboratorio de referencia de E-coli, quen abordará outro tema de máxima actualidade no seu relatorio ‘Da penicilina á resistencia antimicrobiana: estamos a tempo de gañar esta batalla?’.

 

Finalmente, o xoves 21 poñerán o broche de ouro a este cuarto Divulgaterra os investigadores que traballan nas áreas das Artes, Humanidades e Ciencias Sociais. Unha das protagonistas desa última xornada será a profesora da USC e directora científica do Museo Universitario A Domus do Mitreo, Dolores Dopico, quen se aproximará ao concepto de epigrafía nunha sesión que se desenvolverá baixo o título ‘Epi… que? Descubrindo o noso pasado romano a partir da epigrafía’.

 

Con catro edicións xa ás súas costas e cun total de 24 participantes só neste cuarto Divulgaterra, o formato de divulgación científica do Campus Terra xa se atopa plenamente consolidado, como certifica o feito de que suscite o interese de cada vez máis asistentes. O Divulgaterra agarda por ti este xoves!

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.02.2022.