Pasar al contenido principal
STG

Tecnoloxía a baixo custo fronte á COVID dende o Campus Terra

Tecnoloxía a baixo custo fronte á COVID dende o Campus Terra
Tecnoloxía a baixo custo fronte á COVID dende o Campus Terra
Persoas investigadoras do Campus de Lugo desenvolven un sistema de detección de COVID rápido e barato ao abeiro do proxecto NANOFLUIDETEC
Lugo

Non hai dúbidas de que a actual pandemia que estamos a vivir constitúe unha crise en numerosos ámbitos pero tamén é certo que, na súa loita, a investigación cumpre un papel fundamental para frear a enfermidade provocada polo virus SARS-CoV-2.

 

Neste senso, ao Campus Terra non lle faltaron pés para comezar a sementar un proxecto de I+D+i de detección de COVID baseado en PCR, de gran velocidade e baixo custe. No programa NANOFLUIDETEC, impulsado por un consorcio liderado por AMSlab, traballa un equipo de persoas investigadoras do Campus de Lugo coordinado por Wajih Al-Soufi, da unidade especializada en Fluorescencia de Moléculas Individuais da USC. Desta agrupación tamén forman parte os profesores da Facultade de Ciencias e da EPSE Mercedes Novo, Miguel Ángel González e Enrique Comesaña.

 

Co fin de afondar na implementación de probas rápidas que contribúan ao cribado de posibles infeccións tamén son esenciais o apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e a participación do laboratorio lugués AMSbiopharma e biotech_BFlow.

 

Grazas ao labor de todas estas mans, os nutrientes non van faltar na terra de cultivo deste proxecto que procura un novo sistema de detección do virus da COVID, baseado en técnicas moleculares xunto á integración da nanotecnoloxía e microfluídica coa automatización e potencial conectividade para a súa comunicación.

 

Para levar a cabo este dispositivo de diagnóstico, emprégase unha tecnoloxía semellante á dos sistemas domésticos dos que se serven as persoas diabéticas para controlar a glicosa nos seus domicilios. Así, a súa construción fundaméntase no aproveitamento de experiencias previas.

 

Deste xeito, os e as investigadoras da USC participantes recorren á experiencia desenvolvida no XuvenCiencia co aparello Fotometrix, un fotómetro móbil de baixo custo axeitado para medir a cantidade de proteínas en líquidos biolóxicos.

 

Da man do esforzo de todos os axentes implicados e coa enerxía do Campus Terra sairá á luz o gran froito do seu traballo que, en forma de dispositivo final, podería resultar beneficioso nos centros de atención primaria, asistenciais ou residencias, coa posibilidade de obter in situ os resultados das probas en tan só uns minutos, ademais de ser un grande avance ao aumentar a capacidade de resposta diagnóstica en futuras pandemias ou enfermidades comúns.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.02.2022.