Pasar al contenido principal
STG

O astrónomo Ramón María Aller será o protagonista este ano do Día do Científico Galego

O Observatorio Astronómico da USC leva o nome do que fora catedrático da USC, Ramón María Aller
O Observatorio Astronómico da USC leva o nome do que fora catedrático da USC, Ramón María Aller
A efeméride vén recoñecer o seu papel introdutor da Astronomía como disciplina científica en Galicia e como iniciador dunha importante escola de investigadores neste campo de coñecemento

O astrónomo Ramón María Aller Ulloa será o protagonista este ano do Día do Científico Galego, en recoñecemento ao seu papel introdutor da Astronomía como disciplina científica en Galicia e como iniciador dunha importante escola de investigadores neste campo de coñecemento. A decisión foi adoptado por unanimidade pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) como impulsora da iniciativa. Logo de lembrar en edicións anteriores as figuras do matemático Enrique Vidal Abascal, do xeógrafo Isidro Parga Pondal e do enxeñeiro agrónomo Cruz Gallástegui, o vindeiro 26 de abril será homenaxeado Ramón María Aller Ulloa. Aller foi catedrático da USC, ademais de sacerdote católico. Os seus libros, publicacións e observacións astronómicas acadaron un gran recoñecemento na comunidade científica e os instrumentos de observación e medición que desenvolveu foron adoptados por centros como o Observatorio de París. A el débense os inicios da investigación astronómica en Galicia hai máis de cen anos dende o seu Lalín natal e o descubrimento de varias estrelas dobres, sobre as que introduciu o seu estudo en España e creou unha importante escola en Santiago. A RAGC organiza este ano a cuarta edición do Día do Científico Galego, co que a comunidade científica galega quere homenaxear as figuras máis destacadas da súa Historia, difundindo a súa contribución para que a opinión pública poida percibir, a través dos exemplos máis destacados do pasado, o prestixio actual da investigación en Galicia e a necesidade de investir recursos nela para que o seu potencial sexa cada vez maior de cara ao futuro. No contexto deste conmemoración, o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC e o Observatorio do Museo Ramón María Aller de Lalín, recen reinaugurado e dotado cun telescopio didáctico moi avanzado, acollerán os días 27 e 28 de abril un programa de visitas guiadas promovido pola Fundación Pedro Barrié de la Maza, a través da súa nova Área de Investigación e Educación. En total, estímase que participarán nesta actividade un total de 320 estudantes acompañados polos seus profesores. Ramón María Aller Aller naceu o 3 de febreiro de 1878 na Casa de Filgueiroa, en Donramiro (Lalín, Pontevedra). Comezou os seus estudos cos xesuítas na Guarda (Pontevedra) e continuounos posteriormente no Seminario de Lugo. Con vinte anos obtivo un doutoramento en Teoloxía e foi ordenado sacerdote, pero fixérase a promesa de non acceder a ningún cargo relixioso nin recibir polo seu ministerio sacerdotal ningunha clase de retribución. É entón cando decide desenvolver a súa vocación científica e no curso 1899-1900 comeza por libre na Universidade de Oviedo os estudos de Ciencias Exactas que seguiría na Universidade de Madrid. En 1940 comeza o seu labor de docente de xeometría analítica e análise matemática na USC, onde tres anos despois se inaugura co patrocinio do CSIC un observatorio ao que se trasladan os seus instrumentos de Lalín e se crea a Cátedra de Astronomía. O 30 de xuño de 1943 presenta a súa tese doutoral na Universidade de Madrid. Ese mesmo ano é nomeado director do Observatorio Astronómico e edita Introducción a la Astronomía, obra que viña preparando desde a súa mocidade. En 1945 crea no marco do Observatorio a sección de ‘Astronomía Teórica e Matemática Durán Loriga’, xerme do que logo sería a Facultade de Matemáticas da USC. En 1948 é nomeado membro da Comisión de Estrelas Dobres da Unión Astronómica Internacional e publica o libro Astronomía a simple vista. O ano seguinte, en 1949, é nomeado membro da Comisión Nacional de Astronomía. Durante estas décadas foron pasando polo seu equipo varios doutorandos, bolseiros e colaboradores, entre os que se atoparon José Pensado Iglesias (posteriormente director do Observatorio de Madrid) ou Rafael Cid Palacios (catedrático de Astronomía da Universidade de Zaragoza) e moitos outros. A súa obra ocupa máis de 78 artigos publicados en diferentes medios, catro libros, cinco teses doutorais dirixidas, catro estrelas descubertas e numerosos planos e deseños de instrumentos de observación e medición. As súas liñas de investigación preferidas foron os métodos de determinación de coordenadas baseados en observacións de pasos por dous verticais e as estrelas dobres visuais. Non obstante, nos 53 anos que transcorreron desde o seu primeiro artigo ata o último, Aller escribiu tamén de forma maxistral sobre outros moitos temas tales como observacións de cometas, superficies planetarias, instrumentación, reloxería, auroras boreais, estrelas fugaces, eclipses ou tránsitos. No campo puramente matemático tivo unha destacable contribución con artigos sobre a teoría parabólica dos erros, conxuntos e números finitos indefinidos e transfinitos ou principios da teoría de conxuntos, entre outros.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.04.2011.