Pasar al contenido principal
STG

A historia de Iago

Leonciño Iago no MHN
Leonciño Iago no MHN
Por Xoana Pintos

A colección inicial do Museo de Historia Natural foi medrando grazas a adquisicións e doazóns de exemplares de todo o mundo. No Discurso1 de apertura do curso académico 1879-1880, impartido por Pedro Bartolomé y Casal, aparece unha nota dos obxectos adquiridos no curso anterior pola Facultade de Ciencias: diverso material de vidro de laboratorio, un aparato para a descomposición da auga, modelos clásticos, un cranio e a pel dun tigre e un pequeno león.

Entre os espécimes dos fondos do MHN consérvase este pequeño cachorro de león, de oito días de idade. Tiñamos escoitado que o leonciño proviña dun circo e que morrera ao pouco de nacer. Puidemos comprobara a veracidade desta información ao atopar no diario Gaceta de Galicia do 28 de xullo de 1879 unha nova2 sobre un espectáculo con diversos animais que visitaba Compostela polas festas. Segundo relata a prensa «exposición zoolóxica dos señores Cavana e Capelicini segue a ser visitada por un grande número de persoas. O día 25 a leona que forma parte da magnífica colección zoolóxica, pariu tres cachorros».

Unha das crías morreu aos oito días –descoñecemos a causa do falecemento- sendo adquirido pola facultade de Ciencias, con cargo aos seus orzamentos aumentando os fondos do gabinete de Historia Natural da Universidade e pasando a formar parte do que sería a colección orixinal do mesmo. Un taxidermista encargouse da súa preparación, cuxo resultado contemplamos na imaxe, ise é Iago, e o nome débese á súa data de nacemento.
O león, Panthera leo, é un mamífero felino de grande tamaño, puidendo chegar aos 300 kg de peso. Sen embargo os leóns neonatos son moi pequenos e vulnerables.

Tras 105 a 110 días de xestación, unha leoa ten unha camada cun promedio de 3 crías que nacen totalmente cegas, con menos de 2 kg de peso e prácticamente sen capacidade para desprazarse. Os cahorros teñen manchas negras repartidas polo corpo, en especial no dorso e patas, que irán desaparecendo ao ir medrando o animal. Tardan unha semana en poder abrir os ollos e uns 21 días en comezar a camiñar.

Esta especie vese cada vez máis ameazada no seu espazo natural de África subsahariana. Os expertos sinalan o seu estado como vulnerable debido á caza, á perda de hábitat, á diminución das súas presas e á fragmentación das súas poboacións.

Vídeo sobre nacementos de crías de león
Nota dos obxectos adquiridos pola Facultade de Ciencias no Discurso de apertura do curso académico 1879-1880
Nota dos obxectos adquiridos pola Facultade de Ciencias no Discurso de apertura do curso académico 1879-1880
Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.05.2024.