Pasar al contenido principal
STG

Paixón pola ciencia

Elekes Andor, CC BY-SA 2.0 <https://creativecommons.org/licenses/by-sa/2.0>, via Wikimedia Commons
Elekes Andor, CC BY-SA 2.0 <https://creativecommons.org/licenses/by-sa/2.0>, via Wikimedia Commons
Por Xoana Pintos

Ata hai ben pouco as vacinas contiñan un patóxeno atenuado ou desactivado ou ben unha proteína do patóxeno presentada para que o noso sistema inmunitario a recoñeza. A pandemia de Covid-19 trouxo un novo grupo de vacinas, son as vacinas de ARN mensaxeiro, que ensinan ás nosas células a fabricar unha proteína que desencadea unha resposta inmunolóxica.

Estes novo avance científico nos protexe como o resto das vacinas pero ademais pódense modificar facilmente e a súa produción é máis rápida, e ben vimos nestes meses a importancia destas dúas vantaxosas características.

Se detrás de cada unha das vacinas que tantos beneficios nos trouxeron podemos atopar un científico destacado, no caso destas novas vacinas encontramos a Katalin Karikó, unha bióloga húngara, afincada en Estados Unidos, que leva décadas investigando sobre ARN mensaxeiro. Como ela mesma sinalou en varias ocasións, a súa idea era usar este tipo de ARN para curar enfermidades, así que durante anos realizou estudos nesta dirección, achando numerosos contratempos pois non conseguía que lle publicaran en revistas académicas, non atopaba financiamento para as súas investigacións e chegaría a sufrir, incluso, degradación do seu posto de profesora por parte da universidade na que traballaba. Era unha idea demasiado innovadora e cara.

Estivo a piques de deixalo pero un xove inmunólogo propúxolle intentar unha vacina para o sida baseada na técnica do ARN mensaxeiro. Púxose mans á obra. As vacinas presentaban unha serie de problemas sobre o tipo de resposta inmune e inflamatoria, que finalmente conseguiron rectificar e, xa coa pandemia, vista a necesidade de fabricar vacinas eficaces, comezou a atopar fondos para os seus estudos.

Grazas á súa paixón e perseveranza en abrir novidosas e sorprendentes liñas de investigación, esta nai da vacina podería ser a seguinte muller na lista prestixiosa dos premios Nobel. Como sinala a propia científica, este esforzo “valeu a pena”.

O demais son xa patentes, ascensos e éxitos. Agora estudiase esta tecnoloxía para desenvolver vacinas contra algún tipo de cancro, VIH e dengue.

Unha historia que serve para lembrar a importancia fundamental do papel das mulleres na ciencia. Agardamos que Katalin Karikó serva como referente para as vindeiras xeracións de científicas, nesta semana na que celebramos o Día Internacional da Nena e a Muller na Ciencia.

No Museo de Historia Natural da USC sumámonos a esta conmemoración desenvolvendo un obradoiro infantil esta fin de semana sobre as investigadoras contra os virus.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.05.2024.