Ir o contido principal
STG

Premios Cátedra Institucional Vida Saudable

Os premios galardoan traballos sobre o estilo de vida saudable
Máster U. en Psicoloxía Xeral Sanitaria
Publicada a resolución da concesión do I Premio a TFG e TFM da Cátedra Institucional Vida Saudable da USC

A Cátedra Institucional Vida Saudable da USC publicou a resolución da concesión do I Premio a TFG e TFM. No caso dos traballos de fin de mestrado (TFM) o primeiro premio foi para Andrea Pérez Rivas, do Máster U. en Psicoloxía Xeral Sanitaria (MUPXS), polo traballo 'Análise e descrición do hábito tabáquico da poboación adulta nova. Implicacións para o deseño de futuras intervencións psicolóxicas de saúde móbil para deixar de fumar'. O cuarto premio recaeu tamén na alumna do MUPXS Ananta Díaz Hernández, polo traballo 'Consumo de alcohol en el embarazo: detección y prevalencia'.

Cada autor ou autora dun TFG premiado recibirá 350 euros, mentres que cada autor ou autora dun TFM premiado obterá 600 euros. Na valoración destes traballos tívose en conta a súa orixinalidade, as novidades das súas achegas, a actualidade e a calidade da metodoloxía, as calidades formais dos textos e a bibliografía empregada.

Os premios foron convocados pola Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación da USC a través da Cátedra Institucional Vida Saudable co obxectivo de fomentar a difusión, o coñecemento e a práctica dun estilo de vida saudable. A Cátedra é financiada pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

O director da Cátedra, Francisco Caamaño, salientou que nesta primeira edición se recibiron case trinta traballos "de gran calidade" desde "as tres universidades públicas galegas" e que houbo moita diversidade na súa procedencia, participando alumnado de diversas facultades, como Psicoloxía, Enfermaría, Farmacia, Medicina e mesmo a Escola de Profesorado de Lugo.

Puideron presentarse a este certame traballos das tres universidades públicas galegas que abordasen o estudo dos estilos de vida saudables, nomeadamente o impacto neles de factores como tabaco, alcohol, dieta, exercicio físico, sono saudable e benestar emocional tanto dende as Ciencias da Saúde, como das Ciencias, Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, ou Enxeñería e Arquitectura. O prazo de presentación de candidaturas rematou o 6 de outubro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.01.2024.