O Museo virtual de iconografía de Rosalía de Castro é resultado do proxecto “Rosalía 2.0: catalogación, estudo e dixitalización da iconografía sobre Rosalía de Castro”, un traballo desenvolvido durante 2024-2025, grazas a unha bolsa de investigación en humanidades da Deputación da Coruña, por Laura Camino Plaza. Cedido para a súa preservación e difusión á Cátedra Rosalía de Castro da USC, este museo reúne e fai accesible material visual fundamental para comprender como se representou e conmemorou a imaxe da autora ao longo do tempo.
Trátase do primeiro espazo dixital integramente dedicado á iconografía rosaliana, pensado tanto para a investigación como para a divulgación e a educación patrimonial. O percorrido organízase en torno a un extenso e heteroxéneo corpus de fontes visuais que abrangue desde o século XIX ata a actualidade, o que permite rastrexar distintos réximes de representación e estratexias de memorialización arredor da autora. Este enfoque está en liña cos presupostos do proxecto de investigación “A inscrición da memoria cultural no espazo público: estratexias de consumo institucional do pasado literario (1837-1978)” (MICIN, PID2021-127259NB-I00).
Para garantir unha experiencia óptima, recoméndase visitar este museo virtual desde un dispositivo de sobremesa