Hoxe remata o prazo para inscribirse en tres cursos de verán do Campus Terra da USC
Este venres 8 finaliza o prazo para inscribirse en tres cursos de verán do campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela. Dirixido por Begoña Barreiro Fernández, o curso titulado “A empresa familiar”, celebrarase entre os días 18 e 21 de xullo no Salón de Graos da Facultade de Administración e Dirección de Empresas. Este curso conta cun cofinanciamento da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Santiago de Compostela e, no mesmo, abordarase dende o propio concepto de empresa familiar, pasando polas diferenzas con respecto á empresa tradicional, tratamentos de conflitos ou remedios contra a crise, entre outros contidos.
Pola súa parte, o Auditorio Municipal Pascual Veiga de Mondoñedo, acollerá o 20,21,22 e 23 de xullo o curso “A educación na natureza e as intervencións asistidas con animais”, dirixido por Mª Lina Iglesias. O curso, en cuxa presentación estivo presente o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, xunto coa alcaldesa do Concello de Mondoñedo, Elena Candia, ten como finalidade achegar aos alumnos e ás alumnas a educación na natureza e cos animais. No mesmo, presentaranse proxectos innovadores de educación na natureza en Galicia e coñecerase, de primeira man, como se traballa en intervencións educativas con cans.
Finalmente, a Estación Científica do Courel celebra o 18, 19, 20 e 21 de xullo o curso, dirixido por Antonio Regueiro Rodríguez, “Os soutos de castiñeiros da serra do Courel e a súa importancia económica, ecolóxica e cultural”. O desprazamento diario dende Lugo á Estación Científica do Courel poderá realizarse en autobús facilitado pola organización do curso.