O Campus Terra da USC analiza os perfís profesionais máis demandados polas empresas
Coa intención de coñecer a opinión das empresas respecto dos perfís profesionais necesarios actualmente nos seus respectivos sectores, así coma aqueles que se van precisar nos vindeiros anos, o Campus Terra da USC celebrará ao longo desta semana unha serie de workshops nos que participarán representantes do sector lácteo, cárnico, forestal e alimentario. Nas reunións que se manterán os días 14 e 16 de xuño, Campus Terra busca coñecer as dificultades para o recrutamento de profesionais adecuados en cada un dos eidos participantes; así como detectar necesidades de formación dentro dos respectivos cadros de persoal que o Campus Terra puidera solventar mediante a formación continua.
Asemade, os encontros centraranse na oferta de servizos de I+D+i do Campus e a súa adecuación ás necesidades das empresas. Tentarase coñecer máis de preto as necesidades actuais das empresas do sector en materia de investigación e servizos tecnolóxicos, invitando á colaboración coa USC e o Campus de Lugo en diferentes ámbitos.
Entre as empresas que xa confirmaron a súa asistencia encóntranse Innolact, Lactalis, Feiraco, Leche Río, Queizuar e Queserías Prestes, por parte do sector lácteo; Nutrimentos Deza (NUDESA), Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), ARESA Agrícola, Torre de Núñez de Conturiz S.L., Hypor España, por parte do sector cárnico-gandeiro; FINSA, LOSAN, Industrias del Tablero, S.A. (Intasa), Confemadera, ENCE e Grupo Villapol S.A., dentro do eido forestal; e Jealsa Rianxeira S.A., Congalsa, Hijos de Rivera S.A.U., Aceites Abril, Cafés Candelas S.L. e Panadería Da Cunha, como representantes do ámbito alimentario.