A Alianza EUniWell promove o intercambio lingüístico e cultural entre o seu persoal
A Universidade Europea para o Benestar (EUniWell) puxo en marcha a comezos deste ano a primeira edición dos Tándems Lingüísticos, unha iniciativa dirixida ao persoal académico e de administración e servizos das universidades que integran a Alianza, entre elas a Universidade de Santiago de Compostela.
O programa baséase no emparellamento de dúas persoas de distintas universidades de EUniWell para a práctica dunha lingua estranxeira que estean a aprender. As parellas reúnense de forma regular por videoconferencia e manteñen conversas informais nas linguas que desexan practicar. O obxectivo é mellorar as destrezas orais nun idioma estranxeiro ao tempo que se coñecen outros contextos culturais e universitarios.
A boa acollida da iniciativa reflíctese na participación de 76 membros do persoal procedentes de toda a Alianza na súa primeira edición. Entre eles atópase Mirela Florescu, xestora de proxecto de EUniWell na USC, que compartiu a experiencia con Claire Jeannet, responsable de mobilidade no Institut National des Langues et Civilisations Orientales (Inalco). Ambas mantiveron encontros virtuais en francés e castelán.
Florescu destaca que os tándems lingüísticos “non só contribúen á aprendizaxe de idiomas, senón que tamén permiten crear vínculos entre persoas de distintas universidades e fomentar o intercambio cultural”, enriquecendo así a vida universitaria. Ademais, subliña que este tipo de iniciativas ofrecen a oportunidade de “coñecer outras culturas e formas de traballar, así como de fortalecer a empatía e a colaboración, aspectos especialmente valiosos no ámbito universitario”.
EUniWell mantén aberto ata o 16 de xaneiro o seu Catálogo de Cursos e Formacións, no que se inclúe unha nova edición dos Tándems Lingüísticos dirixidos ao persoal universitario.