Ir o contido principal
STG

EUniWell leva a cabo un programa de apoio ao desenvolvemento profesional do estudantado de doutoramento na USC

No encontro participará unha vintena de estudantes da USC. Foto. Santi Alvite
No encontro participará unha vintena de estudantes da USC. Foto. Santi Alvite
O BIP terá lugar do 19 ao 23 de xaneiro en Santiago e nel participarán estudantes das universidades da Alianza EUniWell e do ISAG
Santiago de Compostela

O Campus de Santiago acolle do 19 ao 23 de xaneiro o Programa Intensivo Combinado (BIP) ‘Career Development Support for PhD Students in a Well-Being Environment. From Self-Care to Career: Building Resilient PhD Pathways’,  que organiza o Well-Being Center for Doctoral Students and Posdoctoral Researchers da Universidade Europea para o Benestar (EUniWell), no marco da súa oferta formativa para este curso coa colaboración da Escola de Doutoramento Internacional (EDIUS) da USC.

A iniciativa diríxese ao estudantado de doutoramento e céntrase no apoio ao seu desenvolvemento profesional desde unha perspectiva de benestar. O programa aborda o papel do autocoidado na carreira investigadora como elemento clave para a construción de traxectorias profesionais resilientes nesta etapa formativa.

Cunha metodoloxía mixta de obradorios prácticos,  visitas a centros de investigación  e  ecosistemas innovadores, máis dunha ducia de estudantes de doutoramento procedentes das universidades de Nantes (Francia), Semmelweis (Hungría), Linneo (Suecia), Inalco (Francia) e Murcia (España), xunto cunha vintena da USC e catro do Instituto Superior de Administração e Gestão (Portugal), desenvolverán e documentarán competencias como a xestión do tempo, a xestión de proxectos, a comunicación, a colaboración interpersoal e o desenvolvemento dun currículo profesional que lles permita abrir novos camiños mais aló da academia no seu futuro profesional.

A actividade estrutúrase en cinco bloques principais centrados no benestar do estudantado de doutoramento, as carreiras académicas, as oportunidades profesionais alén da academia, as habilidades para a empregabilidade e a planificación da carreira profesional. Este programa ofrece ferramentas concretas para que o doutoramento deseñe o seu itinerario profesional cunha mirada realista e saudable, conectando benestar, competencias e oportunidades.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.01.2026.