Ir o contido principal
STG

Selección, contratación e condicións laborais

A selección e contratación de persoal investigador na USC axústase aos principios OTM-R (Open, Transparent and Merit-based Recruitment of Researchers), isto é, garántese mediante un proceso aberto, transparente e baseado en méritos que se selecciona á mellor persoa para cada posto de traballo.

Un proceso de contratación OTM-R redunda en beneficio tanto dos investigadores e investigadoras como da propia USC, garantindo a equidade, especialmente para os grupos infrarrepresentados, e favorecendo a mobilidade internacional.

Os principios OTM-R son unha peza clave da Carta Europea para os investigadores e do Código de Conducta para a contratación de investigadores, que insta a entidades empleadoras e financiadoras da investigación a establecer procedementos de contratación que sexan abertos, eficientes, transparentes, facilitadores e internacionalmente comparables, así como adaptados ao tipo de postos anunciados. A USC estableceu a súa propia Política OTM-R  para garantir o cumprimento destes principios.

A continuación, se inclúe a normativa interna da USC e páxinas web onde se detallan as condicións de contratación e condicións laborais do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación da nosa universidade.

Seguindo as recomendacións elaboradas en 2015 por un grupo de expertos en Xestión de Recursos Humanos da Área de Investigación Europea (ERA, European Research Area), a USC elaborou a súa Política OTM-R e avaliou os seus procesos a través da lista de control recomendada, cun resultado totalmente positivo.

O vixente Regulamento de selección de persoal investigador e de apoio no marco das actividades e programas de I+D+I aprobouse polo Consello de Goberno da USC en febreiro de 2020, e regula a contratación con carácter temporal de investigadores e investigadoras e de persoal de apoio á investigación, así como a elaboración de listas de agarda para a incorporación ás actividades coas que se financia este persoal.

O vixente Regulamento de selección de profesorado permanente foi aprobado polo Consello de Goberno da USC o 27 de setembro de 2019. Esta normativa regula tanto os concursos para a selección de membros dos corpos docentes universitarios do Estado (funcionarios) como do profesorado contratado con vinculación permanente da USC.

 

O Regulamento de selección de profesorado non permanente aprobouse polo Consello de Goberno da USC o 8 de abril de 2019 e modificouse parcialmente en febreiro de 2020. Esta normativa regula os concursos para a selección de profesorado contratado non permanente, así como a elaboración de listas de agarda para cubrir necesidades docentes sobrevidas, urxentes e ineludibles.

Na seguinte páxina están dispoñibles todas as ofertas de emprego para persoal investigador e de apoio á investigación da USC.

Asemade, co fin de sistematizar, clasificar e regularizar contractual e retributivamente ao colectivo de PEI, no ano 2020 a USC asinou coa representación das traballadoras e traballadores un Acordo sobre a clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación (DOG nº 237 de 24 de novembro de 2020), que se foi adaptando aos últimos cambios da lexislación laboral española, intentando reconducir as situacións de precarización e inequidade ás que levou a progresiva redución de investimentos en I+D, e cuxa última versión, publicada no DOG nº 107 de 6 de xuño de 2022, define o que sería unha “carreira investigadora” dirixida ao colectivo PEI.

Modificación do acordo sobre a clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación, publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 6 de xuño de 2022, forma parte do corpus normativo do Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Regcon) e é de aplicación ao persoal investigador e de apoio á investigación que desenvolve total ou parcialmente proxectos, convenios, contratos e acordos de investigación con cargo ao financiamento finalista xestionado pola USC.

O Acordo sobre o recoñecemento da antigüidade do persoal investigador e de apoio á investigación da Universidade de Santiago de Compostela, publicado no DOG o 26 de novembro de 2021, ten por obxecto o recoñecemento da antigüidade do persoal investigador, do persoal de apoio á investigación e do persoal docente e investigador contratado ao abeiro de programas de recursos humanos na USC.

A USC conta cun Servizo de Prevención de Riscos Laborais cuxo obxectivo é promover a saúde e seguridade dos traballadores da USC. Para iso deseña, aplica e coordina os plans e programas de actuación preventiva, avalía os factores de risco e promove a cultura preventiva. No espazo web do servizo ofrécese información sobre avaliación de riscos, actividades formativas, e procedementos e formularios diversos.

O portal Carreira Investigadora ofrece información sobre as medidas de acompañamento e servizos de apoio orientados a facilitar a incorporación á USC de persoal investigador de excelencia e o desenvolvemento da súa carreira científica. En concreto, diríxese a investigadores e investigadoras beneficiarios dalgunha das modalidades de axudas do European Research Council (ERC) ou dos programas Ramón y Cajal, Marie Curie, e Juan de la Cierva, e ofrece información sobre medidas para a consolidación científica (apoio para a conformación do grupo de investigación, programa Oportunius, etc.), a contorna científica da USC (centros singulares, institutos, grupos) e o compromiso ético e de responsabilidade social da USC.

O Portal da Investigación da USC creouse co obxectivo de difundir, dar visibilidade e transferir á sociedade os resultados das actividades de investigación da nosa Institución. Tamén facilita o acceso a publicacións e datos de investigación, mellorando a reproducibilidade da investigación e contribuíndo aos obxectivos da ciencia aberta. Ademais, establece unha relación entre o financiamento e os seus resultados, realizando un exercicio de transparencia á vez que mellora a visibilidade e o impacto da institución.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.07.2022.