Ir o contido principal
STG

James Watson Cronin

Kavli Institute for Cosmological Physics - Enrico Fermi Institute (EE.UU.).
Premio Nobel de Física 1980.

James Watson Cronin

Premio Nobel polo “descubrimento de violacións de principios fundamentais de simetría no decaemento de mesóns-K neutrais”

O Profesor James W. Cronin é un recoñecido experimentalista que rematou a súa tese de doutoramento en física nuclear na universidade de Chicago nos anos 50. A ese lugar que volveu como profesor en 1971, logo de ter realizado numerosos experimentos con éxito para estuda-la simetría entre materia e antimateria que levaron ao descubrimento da Violación da Conxugación de Carga e Paridade (CP), que lle valeron o recoñecemento do Premio Nobel de Física en 1980 xunto co seu colega Val Fitch.

Dacordo a esta simetría, supoñíase que a materia se debía comportar de xeito idéntico á imaxe especular da antimateria, pero Cronin e Fitch descubriron que isto non era certo. Isto é un descubrimento de consecuencias moi profundas, posto que marca diferenzas absolutas entre materia e antimateria que poderían explicar por qué o universo nos momentos iniciais da súa creación desenvolveu máis materia que antimateria.  Cronin é tamén amplamente coñecido por ter descuberto o "Efecto Cronin", que describe que a unión de nucleóns en átomos pesados afecta ás interaccións a altas enerxías.

Despois de ter recibido o Nobel interesouse polos raios cósmicos e desenvolveu dous experimentos: O Chicago Air Shower Array, para buscar raios gamma de alta enerxía, e o Observatorio Pierre Auger, o experimento máis grande ata a data para medir raios cósmicos. A construción do emprazamento sul do Observatorio Auger foi rematado en agosto de 2008 en Arxentina, logo dun gran esforzo de 17 países e máis de 400 científicos de máis de 100 institucións, entre as cales ocupa lugar destacado a Universidade de Santiago. Xa se fixeron medidas precisas de raios cósmicos da maior enerxía con este detector, que cobre unha área de 3000 quilómetros cadrados en Arxentina, una superficie equivalente á illa de Mallorca.