Ir o contido principal
STG

Competencias

Competencias do Consello Social

De relación entre a Universidade e a sociedade.

  • Promover o coñecemento mutuo entre a Universidade e a sociedade, favorecendo e organizando eventos que difundan nesta o labor universitario e transmitíndolle a aquela as aspiracións das forzas sociais de Galicia.
  • Fomentar a colaboración da sociedade no financiamento do ensino e da investigación da universidade, contribuíndo á captación de recursos económicos externos.
  • Aprobar, con carácter anual, unha memoria das súas actividades, que se remite ao Parlamento de Galicia e á Consellaría competente en materia universitaria.
  • Realizar estudos sobre materias da súa competencia e, en particular, sobre a adecuación da oferta de titulacións e do contido dos plans de estudos da Universidade ás necesidades sociais, sobre o rendemento académico do alumnado e a inserción laboral dos titulados universitarios, sobre a investigación desenvolvida na universidade e a transferencia á sociedade dos resultados desta e sobre calquera outra cuestión proposta pola Consellaría competente en materia universitaria, de acordo coas funcións propias deste órgano.
  • Impulsar aquelas actuacións que permitan un maior achegamento do estudantado universitario ás demandas do mercado laboral e, en especial, a celebración de convenios entre a Universidade e outras entidades públicas e privadas orientadas a completar a formación do alumnado e os titulados da Universidade e facilitar o seu acceso ao mundo profesional.
  • Estimular a actividade investigadora da Universidade, especialmente no relativo á súa vinculación cos sectores produtivos, apoiando os proxectos de investigación e desenvolvemento compartidos entre a universidade, as empresas e o tecido social, así como as políticas de transferencia e a difusión dos resultados obtidos nas investigacións universitarias.
  • Favorecer as actividades orientadas a completar a formación científica, cultural e humanística dos universitarios, apoiando as súas manifestacións no seo da universidade e asegurando a súa extensión ao conxunto da sociedade galega.
  • Outorgar premios, distincións e recoñecementos.

 
De carácter económico, financeiro e patrimonial.

  • Supervisar as actividades de carácter económico da Universidade.
  • Aprobar, por proposta do Consello de Goberno:
    • a programación plurianual da Universidade, ademais de realizar o seu seguimento.
    • o orzamento da universidade. Os órganos responsables da execución do orzamento deberán informar ao Consello Social do estado de execución nas condicións que determine o seu Regulamento de organización e funcionamento.
    • a asignación singular e individual de retribucións adicionais ligadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión a membros do persoal docente e investigador da universidade, logo da súa valoración pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia ou, se é o caso, pola Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación, ou por calquera outro órgano de avaliación que determinen as leis doutras comunidades autónomas, sempre que exista previo convenio ou concerto coa Comunidade Autónoma galega. O Consello Social poderá pedir informe dos centros a que pertenza ou estea adscrito o profesorado afectado por tales acordos, co obxecto de motivar a súa decisión.
    • os regulamentos internos que regulan a xestión contractual e patrimonial da Universidade.
    • a aceptación pola Universidade de herdanzas, doazóns ou legados.
  • Aprobar, con carácter previo á súa rendición ante o órgano de fiscalización da Comunidade Autónoma, as contas anuais da Universidade e das sociedades, fundacións ou outras entidades en cuxo capital e fondo patrimonial equivalente teña participación maioritaria a Universidade.
  • Fixar os prezos das ensinanzas propias, dos cursos de especialización e das demais actividades autorizadas polas universidades, así como informar en materia de prezos públicos dos estudos universitarios oficiais, dentro dos límites que estableza o Consello de Coordinación Universitaria.
  • Aprobar, con carácter previo á súa remisión á Xunta de Galicia para a súa autorización, as propostas de operacións de endebedamento.
  • Informar sobre o cadro de persoal e a relación de postos de traballo do persoal docente e investigador da Universidade, especificando a totalidade dos seus custos, as súas modificacións e os gastos que supoñen, así como informar, con carácter previo á súa celebración, sobre os convenios colectivos do persoal docente e investigador contratado pola Universidade.
  • Informar sobre o cadro de persoal e a relación de postos de traballo do persoal de administración e servizos da universidade, as súas modificacións e os gastos que supoñen, especificando a totalidade dos seus custos, así como emitir informe, con carácter previo á súa formalización, sobre os convenios colectivos do persoal de administración e servizos en réxime laboral da Universidade.
  • Ser informado dos contratos ou convenios en que a Universidade sexa parte.
  • Aprobar, con carácter previo á súa realización, os actos de disposición sobre bens inmobles e mobles de extraordinario valor da Universidade e a desafectación dos seus bens de dominio público.
  • Informar sobre a creación ou adscrición de colexios maiores e residencias universitarias.
  • Aprobar a creación, a modificación substancial ou a extinción das sociedades, fundacións ou outras entidades en cuxo capital ou fondo patrimonial teña participación a Universidade.

De supervisión das actividades universitarias e relativas á actividade do Consello Social.

  • Supervisar o rendemento e a calidade dos servizos universitarios, formulando suxestións e propostas ao Consello de Goberno da Universidade, orientadas a promover a excelencia do ensino, a investigación, a xestión e os servizos.
  • Solicitar das administracións públicas a realización de informes e inspeccións dos servizos que presta a Universidade, especialmente os de ensino, investigación, xestión e servizos, oído o Consello de Goberno.
  • Propoñer á Xunta de Galicia, logo de informe do Consello de Goberno da Universidade:
    • a implantación e a supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e con validez en todo o territorio nacional.
    • a creación, modificación ou supresión de facultades, escolas técnicas ou politécnicas superiores e escolas universitarias ou escolas universitarias politécnicas. No caso de que a iniciativa partise da Comunidade Autónoma, deberá contar co acordo do Consello Social.
    • a aprobación dos convenios de adscrición ou dos convenios ou acordos de desadscrición á universidade de centros docentes para impartir estudos conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e con validez en todo o territorio nacional.
    • a creación ou supresión de institutos universitarios de investigación.
    • a aprobación dos convenios de adscrición ou dos convenios ou acordos de desadscrición á Universidade de institucións ou centros de investigación como institutos universitarios de investigación.
    • a creación, modificación ou supresión no estranxeiro de centros dependentes da Universidade para impartir ensinanzas conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e con validez en todo o territorio nacional, así como a impartición en centros dependentes da Universidade de ensinanzas conducentes á obtención de títulos estranxeiros de educación superior universitaria.
  • Acordar, co reitor, o nomeamento do xerente.
  • Informar sobre os procedementos que estableza a Universidade para a admisión de estudantes.
  • Aprobar, logo de informe do Consello de Coordinación Universitaria, as normas que regulen o progreso e a permanencia do estudantado na Universidade.
  • Promover, co obxecto de que ninguén quede excluído do estudo na Universidade por razóns económicas, as bases da política de bolsas, axudas e créditos para o estudo e a investigación e propoñer ás restantes administracións competentes a adopción de medidas con relación ás súas políticas de bolsas, axudas e créditos ao estudantado universitario.
  • Designar, de entre os seus membros pertencentes á representación social, os representantes do Consello Social nas entidades e institucións que correspondan e, en particular, os tres representantes do órgano no Consello de Goberno da Universidade.
  • Propoñer o cesamento dalgún dos seus membros á autoridade, entidade ou institución que o designase, logo de declaración da súa situación de incompatibilidade ou incumprimento grave ou reiterado das súas obrigas.
  • Informar a Xunta de Galicia sobre o réxime de retribucións ou indemnizacións dos seus membros.
  • Acordar a constitución de comisións temporais.
Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.05.2022.