Ir o contido principal
STG

A Fundación Meniños, Premio Humanitas 2025

Villanueva recolleu o premio da man do reitor e en presenza da presidenta de Alumni USC e do vicepresidente do Consello Social. Foto: Santi Alvite
Villanueva recolleu o premio da man do reitor e en presenza da presidenta de Alumni USC e do vicepresidente do Consello Social. Foto: Santi Alvite
O presidente do padroado da Fundación, José Manuel Villanueva Prieto, recolleu este martes o galardón que convocan o Consello Social e Alumni USC
Santiago de Compostela

A Fundación Meniños resultou gañadora do Premio Humanitas na edición 2025 logo de que o xurado decidise, por unanimidade, recoñecer o traballo desta entidade por garantir o dereito a vivir en familia dos nenos e nenas e adolescentes, intentando evitar alternativas institucionalizadoras como resposta ás situacións de desprotección e vulnerabilidade.

O xurado do galardón, convocado polo Consello Social e Alumni USC, estivo presidido polo reitor Antonio López Díaz, e composto ademais pola presidenta de Alumni, Eva López Barrio; a presidenta e o vicepresidente do Consello Social da USC, Cecilia Sierra Rey e José Villarnovo Faraldo, respectivamente; e Luisa Rivas García en representación de Alumni.

Tras a análise das candidaturas presentadas, os membros do xurado puxeron de manifesto a importancia do labor solidario desenvolvido por todas as entidades candidatas na procura da mellora da calidade de vida das persoas en situación de vulnerabilidade en Galicia. De entre todas elas, finalmente o xurado decantouse pola Fundación Meniños, a quen lle corresponde unha dotación económica de 2.000 euros.

O galardón entregoullo este martes na Casa da Concha, sede do Consello Social, o reitor Antonio López ao presidente do padroado da Fundación Meniños, José Manuel Villanueva Prieto, quen explicou as actividades desenvolvidas pola entidade. Participaron ademais no acto José Villarnovo Faraldo e Eva López Barrio. A Villanueva acompañárono a directora xeral e directora de Desenvolvemento e Sustentabilidade da Fundación Meniños, Verónica Rivadulla Parcero e Begoña Pallas García, respectivamente.

Premio Humanitas

O obxectivo do premio é recoñecer accións e traxectorias que estean desenvolvendo actualmente persoas xurídicas, asociacións, empresas, fundacións ou entidades que se distingan pola súa dedicación e implicación en actividades solidarias ou humanitarias, en beneficio da mellora da calidade de vida da colectividade.

A iniciativa enmárcase dentro do compromiso das entidades convocantes de achegar a realidade social á universidade ao tempo que establecer unha colaboración co obxecto de axudar a crear unha rede forte de antigo estudantado que favoreza o orgullo de pertenza á Universidade de Santiago de Compostela.
 

O xurado reuniuse en decembro para deliberar o premio. Foto: Santi Alvite
O xurado reuniuse en decembro para deliberar o premio. Foto: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.02.2026.