Skip to main content
STG

BOUSC 1 | Year I | November 20, 2025

I. Disposicións xerais

Acordo do 24 de outubro de 2025, do Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela polo que se aproba o Regulamento dos programas de simultaneidade de estudos e das estruturas curriculares específicas na USC

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) é unha institución pública que ten como unha das súas competencias o servizo público de educación superior.

A USC, no seu obxectivo de ampliar e mellorar a súa oferta formativa, contempla a posibilidade de desenvolver, no marco das súas titulacións oficiais, diversas modalidades formativas e estruturas curriculares específicas: programas de simultaneidade de estudos, desenvolvidos ben mediante itinerarios persoais ou itinerarios institucionais, ben no marco de convenios con outras institucións españolas ou estranxeiras de educación superior, itinerarios académicos abertos, mencións duais e itinerarios e titulacións bilingües.

Este regulamento desenvolve o indicado no Capítulo VI relativo a Estruturas curriculares específicas e de innovación docente do Regulamento das Titulacións Oficiais de Grao e Mestrado Universitario e do Procedemento de Aseguramento da súa Calidade na Universidade de Santiago de Compostela (aprobado polo Consello de Goberno o 28 de outubro de 2022 e publicado no DOG o 22 de decembro de 2022; modificado polo Consello de Goberno o 25 de xaneiro de 2024 e publicada a modificación no DOG o 13 de marzo de 2024).

Así, este regulamento define o marco para a posta en marcha das diferentes modalidades de programas de simultaneidade e de estruturas curriculares específicas referidas nos parágrafos anteriores. Para o seu desenvolvemento débese ter en conta o Real Decreto 822/2021, de 28 de setembro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias e o aseguramento da súa calidade (publicado no Boletín Oficial del Estado do 29 de setembro de 2021; modificado no Boletín Oficial del Estado do 8 de outubro de 2025), as instrucións do 16 de decembro de 2019 da Secretaría Xeral de Universidades para a Oferta de Programas de Simultaneidade de Graos no Sistema Universitario de Galicia, o anuncio de 20 de novembro de 2019 polo que se invita ás universidades do Sistema Universitario de Galicia para a aprobación de declaración de interese para a posta en marcha de programas de estudos de graos abertos no curso académico 2020-2021 e a Resolución do 8 de xaneiro de 2024, da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se ditan instrucións sobre o contido mínimo para incluír na documentación presentada por unha universidade do Sistema Universitario de Galicia para solicitar a verificación dun título oficial de grao ou máster universitario con mención dual (Diario Oficial de Galicia do 17 de xaneiro de 2024).

No título I deste regulamento desenvólvense as normativas relacionadas cos diferentes tipos de programas de simultaneidade. As normas que rexen os programas de simultaneidade mediante itinerario persoal recóllense no capítulo I. As normas que rexen os programas de simultaneidade mediante itinerario institucional desenvólvense no capítulo II. Finalmente, as normas que rexen os programas de simultaneidade mediante convenios con outras institucións académicas recóllense no capítulo III.

No título II deste regulamento desenvólvense as normativas indicadas no capítulo VI do Real Decreto 822/2021 dedicado ás estruturas curriculares específicas nas ensinanzas universitarias oficiais. As normas que rexen os itinerarios académicos abertos desenvólvense no capítulo I. As normas que rexen as mencións duais desenvólvense no capítulo II. Finalmente, as normas que rexen as diversas modalidades bilingües desenvólvense no capítulo III.

En consecuencia, o Consello de Goberno, na súa reunión do 24 de outubro de 2025, acordou aprobar o presente regulamento.

TÍTULO PRELIMINAR

Disposicións xerais

Artigo 1. Alcance

1. Este regulamento establece as características dos programas de simultaneidade de titulacións de grao e/ou mestrado universitario, ben entre titulacións da USC, ben entre titulacións da USC e titulacións doutras institucións de educación superior. Os programas de simultaneidade de estudos constitúen unha oferta educativa dirixida ao estudantado que desexe obter unha formación integral en dúas titulacións, do mesmo ou de diferentes ciclos segundo os casos. Esta oferta formativa constitúe un programa curricular coordinado que, no caso de itinerarios institucionais ou convenios con outras institucións de educación superior, deberá ser aprobado polo Consello de Goberno da USC.

2. Así mesmo, este regulamento define as condicións para o desenvolvemento das principais estruturas curriculares específicas actuais: programas abertos, mencións duais e modalidades bilingües.

Artigo 2. Programas de simultaneidade de estudos

1. A simultaneidade de estudos poderá desenvolverse mediante un itinerario persoal no que o/a estudante poderá solicitar cursar unha segunda titulación de xeito simultáneo á xa iniciada previamente.

2. A simultaneidade de estudos tamén poderá desenvolverse mediante un itinerario institucional. Estes programas non constitúen unha nova titulación diferente da oferta xa existente na USC, senón que supoñen unha organización e uns recoñecementos que permiten cursar simultaneamente as dúas titulacións e, ao finalizar o programa, obter os dous títulos. Polo tanto, non implican a elaboración dun novo programa de estudos, senón a integración de contidos propios de cada unha das titulacións (materias, rama de coñecemento etc.) segundo se recolle nos respectivos plans de estudo.

3. A simultaneidade de estudos tamén poderá realizarse no marco de convenios específicos con outras institucións de educación superior, españolas ou estranxeiras.

Artigo 3. Estruturas curriculares específicas

1. Os itinerarios académicos abertos de grao teñen como obxectivo xeral ampliar as posibilidades de elección do estudantado que accede ás universidades. Ofrecen ao estudantado con intereses académicos diversos un programa multidisciplinar de aprendizaxe, que facilitará a elección dos estudos de grao que finalmente se adapten ás súas preferencias e habilidades persoais.

2. As mencións duais nos títulos oficiais comportan un proxecto formativo integral que se desenvolve complementariamente nun centro universitario e nunha entidade colaboradora, que poderá ser unha empresa, unha organización social e/ou sindical, unha institución ou unha administración, baixo a supervisión e o liderado formativo do centro universitario, e cuxo obxectivo é a adecuada capacitación do estudantado para mellorar a súa formación integral e a súa empregabilidade.

3. As modalidades bilingües, desenvolvidas mediante itinerarios ou titulacións bilingües, tanto de grao como de mestrado universitario, ofrecen a posibilidade de cursar unha parte relevante das materias do título nunha lingua non oficial na Comunidade Autónoma de Galicia, mellorando desta forma as competencias lingüísticas do estudantado.

Artigo 4. Atención á diversidade

Nos programas de simultaneidade de estudos e nas estruturas curriculares específicas desenvolvidas neste regulamento prestarase especial atención ás condicións particulares relacionadas coa diversidade (altas capacidades, discapacidade, necesidades educativas especiais etc.).

TÍTULO I

Programas de simultaneidade de estudos

CAPÍTULO I

ITINERARIO PERSOAL DE PROGRAMAS DE SIMULTANEIDADE DE ESTUDOS

Artigo 5. Condicións de acceso

1. O estudantado que opte por un itinerario persoal de simultaneidade de estudos non poderá simultanear máis de dúas titulacións oficiais, tanto naqueles casos en que ambas titulacións sexan estudos ofertados pola USC como se unha delas é impartida por outra institución de educación superior.

2. Non será posible a simultaneidade de estudos na USC con estudos doutra institución da mesma titulación ou de titulacións que compartan as mesmas competencias. No caso de incumprir esta norma, a USC deixará sen efecto os estudos cursados nela.

3. Non se autorizará a simultaneidade entre estudos presenciais da USC e estudos presenciais doutra institución de educación superior, agás que nunha das dúas titulacións só se teña pendente un máximo de 15 ECTS e o Traballo Fin de Estudos.

4. Será posible simultanear estudos presenciais na USC con titulacións virtuais doutras institucións ou estudios virtuais na USC con titulacións presenciais doutras institucións. Para estas situacións, esixiranse os mesmos requisitos e aplicaranse as mesmas limitacións de matrícula que para a simultaneidade entre estudos na USC.

5. O estudantado poderá iniciar simultaneamente estudos de diferente ciclos segundo as condicións de inicio da simultaneidade e matrícula que se recollen neste regulamento.

6. Só se poderá participar nun programa de simultaneidade ao mesmo tempo, ben mediante itinerario persoal, ben mediante itinerario institucional. Pola contra, o estudantado si que poderá solicitar a simultaneidade mediante un itinerario persoal dun programa institucional de simultaneidade de estudos de grao cun mestrado universitario de continuidade dun dos graos do programa institucional.

7. O estudantado de simultaneidade de estudos mediante un itinerario persoal non poderá acollerse á matrícula a tempo parcial, agás nos casos de concesión de adaptación do itinerario por causas relacionadas coa atención á diversidade.

Artigo 6. Inicio da simultaneidade

1. Para comezar un itinerario persoal de simultaneidade, o/a estudante deberá ter superado o primeiro curso completo dunha das titulacións que conforman o itinerario.

2. Os centros poderán establecer unha cota para o estudantado que pretenda iniciar estudos nunha segunda titulación mediante un itinerario persoal de simultaneidade. Se quedaran prazas vacantes nesa segunda titulación tras ter rematado o proceso de admisión, o centro podería ampliar esa cota.

Artigo 7. Matrícula

1. A matrícula realizarase segundo as normas que para os efectos estableza a Universidade.

2. O/A estudante deberá matricularse dun mínimo de 12 ECTS en cada un dos estudos que conforman o programa de simultaneidade. No caso de que lle resten menos de 12 ECTS para finalizar un título, o/a estudante deberá matricularse da totalidade de créditos que teña pendentes nesa titulación.

3. A matrícula total dos estudos que se poderán simultanear por curso académico non poderá superar conxuntamente os 90 ECTS.

Artigo 8. Dereitos e obrigas do estudantado

1. O estudantado que teña concedida a simultaneidade de estudos mediante un itinerario persoal terá as mesmas obrigas que o resto do estudantado no que se refire á asistencia a clase e á realización das prácticas e outras actividades académicas, segundo se dispoña na guía docente das materias.

2. A concesión da simultaneidade mediante un itinerario persoal non suporá ningún dereito en relación aos horarios de clases e ao calendario de exames das materias.

3. A concesión da simultaneidade mediante un itinerario persoal será considerada polos centros docentes como causa xustificada prioritaria en solicitudes de cambio de grupo de docencia, sempre de acordo coas normas de cada centro.

4. No caso específico de estudantes que acrediten altas capacidades, o(s) centro(s) implicado(s) deberá(n) estudar a posibilidade de elaborar un programa académico específico para este estudantado.

Artigo 9. Extinción de estudos

A extinción dunha titulación que forme parte dun itinerario persoal de simultaneidade de estudos rexerase polas normas en vigor.

Artigo 10. Recoñecementos

1. Os centros poderán establecer recoñecementos específicos de materias para os itinerarios persoais de simultaneidade de estudos.

2. Os recoñecementos específicos realizados no marco dun itinerario institucional de simultaneidade de estudos non serán vinculantes para o establecemento de recoñecementos nos itinerarios persoais de simultaneidade de estudos, se ben poderán aplicarse neste sempre que exista unha motivación académica adecuada a xuízo da comisión do título.

CAPÍTULO II

ITINERARIO INSTITUCIONAL DE PROGRAMAS DE SIMULTANEIDADE DE ESTUDOS

Artigo 11. Propostas

1. Os itinerarios institucionais de programas de simultaneidade de estudos (graos ou mestrados universitarios) deberán ser propostos polas Comisións de Título. Serán aprobados polas respectivas Xuntas de Centro e polo Consello de Goberno, logo do informe da Comisión de Titulacións e Ordenación Docente, delegada do Claustro Universitario.

2. Un título universitario poderá incluírse, como máximo, en tres itinerarios institucionais de programas de simultaneidade de estudos.

3. As propostas de itinerarios institucionais de simultaneidade de estudos establecerán unha planificación específica na que se integren as materias e os contidos de cada unha das dúas titulacións que os conforman. Nesa planificación deberá incluírse o sistema de recoñecemento de créditos que proceda, a secuencia planificada por cursos e semestres dos posibles recorridos curriculares que deba cursar o estudantado para obter os dous títulos e a especificación temporal dos dous Traballos Fin de Estudos que debe realizar o estudantado. O programa de simultaneidade deberá evitar as duplicidades de materias ou contidos existentes nas dúas titulacións.

4. As propostas acompañaranse dunha memoria xustificativa na que quede constancia da oportunidade da súa implantación, tendo en conta os beneficios que poidan supoñer para o estudantado que se matricule no devandito programa. A memoria incluirá, así mesmo, unha análise da compatibilidade organizativa (horarios, calendarios de exames, dispoñibilidade de recursos etc.) das titulacións que forman o itinerario.

Artigo 12. Duración

1. Os itinerarios institucionais de simultaneidade de estudos terán unha duración adicional en función do número de créditos ECTS necesarios para obter o título de cada unha das ensinanzas que constitúen o programa.

2. Cando as titulacións de grao dun itinerario institucional teñan o mesmo número de créditos, a duración adicional do itinerario estará comprendida entre 90 e 120 ECTS, cunha duración temporal mínima de dous semestres. De xeito excepcional, poderá superarse o límite de 120 ECTS se se considera conveniente para a formación do estudantado e así se xustifica na proposta do itinerario.

3. Cando as titulacións de grao dun itinerario institucional teñan un número de créditos distinto, a duración adicional temporal do programa de simultaneidade deberá ser como mínimo de dous semestres respecto do título con maior número de créditos. Así mesmo, o estudantado deberá cursar entre 90 e 120 ECTS respecto do grao de maior duración. De xeito excepcional, poderá superarse o límite de 120 ECTS se se considera conveniente para a formación do estudantado e así se xustifica na proposta do itinerario.

4. Para os mestrados universitarios, a duración adicional dos itinerarios institucionais de simultaneidade será como mínimo dun semestre (30 ECTS) respecto do mestrado cun maior número de créditos.

Artigo 13. Xestión

1. O centro ou centros que participen nun itinerario institucional de simultaneidade nomearán como coordinador/a do itinerario a unha das persoas coordinadoras das titulacións que conforman o programa. A coordinación tamén se pode establecer de forma rotatoria por centro e/ou por titulación, se así se acorda e se recolle na memoria do itinerario.

2. Como norma xeral, as competencias relativas á coordinación da programación docente entre centros (programación das materias, horarios, sistemas de avaliación, reclamacións do estudantado etc. en cada centro) corresponderán ao centro responsable do título cunha maior carga lectiva no programa. Non obstante o anterior, os centros que participan no itinerario institucional de simultaneidade de estudos poderán acordar outra forma de xestión da coordinación na memoria do programa.

Artigo 14. Admisión

1. O procedemento de admisión nos itinerarios institucionais de simultaneidade de estudos entre centros da USC será o ordinario establecido con carácter xeral pola propia Universidade.

2. A oferta de prazas vinculadas a programas de simultaneidade de estudos poderá supoñer, como máximo, un 20% da oferta total do título. Detraerase un 50% da oferta de prazas do itinerario na oferta de cada un dos títulos que o compoñen.

3. A oferta de prazas de programas de simultaneidade de estudos xestionarase de forma separada da oferta das titulacións que o conforman. O número de prazas ofertadas de acceso aos itinerarios deberá ser aprobado polo Consello de Goberno, seguindo o mesmo procedemento que para as titulacións individuais.

4. Para a admisión nun programa de simultaneidade institucional, o estudantado deberá reunir os requisitos académicos de admisión de cada unha das titulacións que conforman o programa.

5. O estudantado da USC que iniciara os seus estudos nunha das titulacións que compoñen un itinerario institucional de simultaneidade poderá solicitar a continuación de estudos no devandito itinerario. No caso de simultaneidade de titulacións de grao, son requisitos de acceso ao itinerario obter o recoñecemento de 30 ECTS e contar cunha cualificación de acceso á universidade igual ou superior á da ultima persoa que accedeu no curso anterior.

Artigo 15. Matrícula

1. A matrícula realizarase no itinerario de simultaneidade segundo as normas que para os efectos estableza a Universidade.

2. Os prezos públicos pola prestación do servizo académico serán os establecidos anualmente mediante decreto do goberno da Comunidade Autónoma. A liquidación destes prezos determinarase na correspondente convocatoria de matrícula e nas resolucións e instrucións que, de ser o caso, deban ditarse para a aplicación do decreto.

3. O número de créditos de primeiro ano dos que se matriculará o estudantado por primeira vez nos itinerarios institucionais de simultaneidade de estudos será o establecido na memoria do programa para dito curso.

4. Na matrícula de continuación, o número de créditos ECTS a matricular virán determinados pola memoria do itinerario. Non obstante, o máximo de créditos ECTS a matricular por un/unha estudante nun itinerario institucional non poderá superar os 90 ECTS por curso académico.

Artigo 16. Avaliación

1. O estudantado de itinerarios institucionais de programas de simultaneidade de estudos renderá exame nas materias do itinerario.

2. As prácticas externas e os Traballos Fin de Estudos deberán realizarse e presentarse, respectivamente, de xeito independente, aínda que poderán ter temáticas e contidos coordinados. Rexeranse, en cada caso, pola normativa da titulación correspondente.

3. No caso de Traballos Fin de Estudos con temáticas e contidos coordinados deberán terse en conta as seguintes limitacións:

a. A carga lectiva do traballo coordinado, conformado polos dous traballos diferenciados, será a suma dos créditos ECTS dos traballos das titulacións que conforman o itinerario.

b. O traballo contará cunha persoa titora por cada titulación do itinerario, ou ben cunha única persoa titora que cumpra as condicións das normativas correspondentes de cada unha das dúas titulacións.

c. A proposta temática do traballo deberá verificar a adquisición das competencias das dúas titulacións que forman parte do itinerario. Deberá especificarse explicitamente a parte de temáticas e contidos correspondente a cada titulación.

d. O traballo será avaliado por dous tribunais pertencentes a cada unha das titulacións que conforman o programa de simultaneidade, segundo as normativas de cada un dos títulos. Se así se contempla na memoria do programa, a presentación e defensa do traballo poderá realizarse nun único acto no que os dous tribunais estean presididos por unha mesma persoa que cumpra as condicións establecidas nas normativas de cada titulación. En calquera caso, formalizarase por cada tribunal unha acta para cada titulación, que poderá incluír cualificacións diferentes.

Artigo 17. Título e Suplemento Europeo ao Título

1. A expedición dos títulos obtidos ao abeiro dos itinerarios institucionais de programas de simultaneidade de estudos realizarase consonte a normativa vixente. Os títulos que se expidan acompañaranse do correspondente Suplemento Europeo ao Título, no que se reflectirá toda a información relativa a cada un dos títulos, segundo a normativa vixente.

2. O estudantado que finalice o itinerario institucional dun programa de simultaneidade de estudos obterá os títulos dos dous estudos que forman parte do programa. Para todos os efectos, o itinerario finalizará coa superación do conxunto do programa de estudos ou co abandono dunha das titulacións que forman parte do devandito programa.

3. Non obstante, en circunstancias excepcionais que deberán ser verificadas pola Vicerreitoría con competencias en titulacións, o/a estudante poderá solicitar a expedición dun dos títulos antes de finalizar o programa.

4. A realización dos estudos mediante un itinerario institucional de simultaneidade deberá reflectirse no Suplemento Europeo ao Título.

Artigo 18. Abandono dunha das titulacións

1. Cando un/unha estudante decida abandonar os estudos dunha das dúas titulacións que forman parte do programa de simultaneidade e continuar coa outra, as materias que tivese superadas na titulación que abandona poderán ser recoñecidas por materias de formación básica, materias obrigatorias ou materias optativas da titulación na que decida continuar, consonte a normativa da USC, ou poderán ser transferidas á titulación na que continúa. As materias transferidas non computarán dentro das condicións de finalización da titulación na que o/a estudante continúa. Os recoñecementos obtidos especificamente en base ao programa de simultaneidade de estudos poderán non ser aplicables no título no que continúe o/a estudante. Esta última opción deberá ser informada pola Comisión de Título onde o/a estudante continúa estudos.

2. No que concirne á permanencia, serán de aplicación as normas que ao respecto teña aprobadas a Universidade. Sen embargo, tendo en conta a singularidade dos programas de simultaneidade, establécense as seguintes excepcións:

a. No caso de esgotar convocatorias nunha materia do itinerario institucional do programa de simultaneidade de estudos que está recoñecida nos planes de estudos das dúas titulacións, o/a estudante poderá solicitar a continuación dos estudos nunha das titulacións, para o que se realizarán os correspondentes recoñecementos. Neste caso considerarase esgotada a permanencia na titulación que o/a estudante abandone.

b. Se a materia coas convocatorias consumidas pertence a unha única titulación do itinerario institucional, o/a estudante poderá continuar os estudos na outra titulación, considerando esgotada a permanencia na titulación á que pertence a materia coas convocatorias consumidas.

Artigo 19. Mantemento dos itinerarios institucionais de programas de simultaneidade de estudos

1. Os itinerarios institucionais de programas de simultaneidade de estudos deberán acadar as condicións (por exemplo, taxas de idoneidade ou taxas de graduación) indicadas na normativa reguladora.

2. No caso de non obter os resultados aos que fai referencia o apartado anterior, o programa en cuestión deberá ser reformulado ou iniciar o proceso de extinción.

Artigo 20. Modificación

Os centros responsables de títulos implicados en itinerarios institucionais de programas de simultaneidade de estudos deberán coordinar os procesos de modificación dos títulos individuais que forman parte do itinerario para evitar así eventuais disfuncións nos procesos de modificación do devandito itinerario. As declaracións de intencións de propostas de modificación das titulacións individuais que forman parte dun programa de simultaneidade de estudos deberán conter unha análise das implicacións dos cambios propostos no itinerario de simultaneidade.

Artigo 21. Extinción

1. A memoria dun itinerario institucional de programas de simultaneidade de estudos, aprobada en Consello de Goberno, deberá establecer a forma na que este se extingue.

2. No proceso de extinción dunha edición dun itinerario institucional derivado da súa modificación, adoptaranse as medidas necesarias para garantir que o estudantado poida rematar os seus estudos na edición na que comezou, así como para favorecer, en caso necesario, a súa posible incorporación á nova edición do itinerario.

3. No caso da extinción dun itinerario institucional de simultaneidade, o/a estudante que teña materias extinguidas sen superar poderá matricularse, á súa elección, en calquera das dúas titulacións para continuar estudos. No caso de que o/a estudante desexe completar a segunda titulación que formaba parte do itinerario institucional de simultaneidade a extinguir, poderá ben formalizar matrícula nesta segunda titulación unha vez que finalice os estudos da primeira, ou ben iniciar un itinerario persoal de simultaneidade se cumpre os requisitos indicados no artigo 6.

CAPÍTULO III

SIMULTANEIDADE DE ESTUDOS NO MARCO DE CONVENIOS CON OUTRAS INSTITUCIÓNS DE EDUCACIÓN SUPERIOR

Artigo 22. Propostas

1. Os programas de simultaneidade de estudos poderán establecerse, así mesmo, no marco de convenios aprobados polo Consello de Goberno con outras institucións de educación superior españolas ou estranxeiras, que permitan que o estudantado dunha titulación oficial da USC e dunha titulación oficial na institución contraparte poida obter simultaneamente ambos os dous títulos, sempre que se cumpran as condicións académicas establecidas nas correspondentes regulacións dos títulos oficiais participantes.

2. Os convenios subscritos para a posta en marcha de programas de simultaneidade de estudos con outras institucións de educación superior deberán incluír, entre outros, os seguintes aspectos:

a. Constancia do carácter oficial das titulacións que conforman o programa nas dúas institucións participantes.

b. Condicións de acceso ao programa de simultaneidade, incluído o nivel de competencia lingüística requirido no caso do uso de linguas de instrución diferentes das oficiais na Comunidade Autónoma de Galicia.

c. Duración do programa de simultaneidade.

d. Táboa coas materias que deben ser superadas na institución de orixe como requisito previo para a continuación de estudos na institución de acollida.

e. Táboa coa secuencia de semestres nos que se deben cursar as distintas materias nas dúas institucións, procurando a harmonización dos calendarios académicos correspondentes.

f. Táboa de recoñecementos de materias en cada institución para a continuación de estudos na institución de acollida.

g. Número máximo de estudantes de cada institución que poderán participar no programa de simultaneidade en cada curso académico.

h. Condicións económicas que se aplican ao estudantado (prezo de matrícula, expedición do título, taxas de secretaría etc.).

i. Cobertura de asistencia médica que precisa o estudantado durante a súa estadía na institución de acollida.

l. Sistema de cualificación e a súa equivalencia ao sistema español no caso dos convenios con institucións estranxeiras.

m. Descrición do sistema de créditos e a súa equivalencia entre os sistemas de educación superior das institucións participantes cando a institución conveniada coa USC non pertenza ao Espazo Europeo de Educación Superior.

n. Previsión da implementación de métodos de avaliación que permitan garantir a correcta realización das probas finais das materias, particularmente no caso de segundas oportunidades ou convocatorias adicionais.

o. Sistema de expedición dos títulos.

p. Condicións de coordinación do programa de simultaneidade.

q. Comisión de seguimento do convenio do programa de simultaneidade.

3. Estes convenios de programas de simultaneidade deberán formularse sobre a base da reciprocidade entre as partes, polo que deberá existir un equilibrio no número de estudantado recibido e enviado por cada institución.

4. O establecido neste artigo non é aplicable para títulos conxuntos nin para títulos Erasmus Mundus, que se regularán pola súa normativa específica.

Artigo 23. Admisión de estudantes

1. O estudantado que teña interese en acceder a un programa de simultaneidade establecido no marco dun convenio con outra institución de educación superior deberá reunir os requisitos de admisión establecidos na normativa e os que especificamente determine o convenio que regula o programa de simultaneidade.

2. O número máximo de estudantes que se admitirá en cada curso académico será o que determine o convenio, para o que se establecerá a correspondente cota no proceso xeral de admisión.

3. Nos mestrados universitarios, a Comisión de Título realizará a proposta de admisión de estudantes, que resolverá o/a reitor/a por medio do Servizo de Xestión Académica, previa verificación do cumprimento de todos os requisitos.

Artigo 24. Matrícula

1. A matrícula realizarase no itinerario de simultaneidade de estudos segundo as normas que para os efectos estableza a Universidade.

2. Os prezos públicos que deberá aboar o estudantado que se matricule na USC nun programa de simultaneidade de estudos elaborado ao abeiro dun convenio con outra institución de educación superior española ou estranxeira serán os que estableza o Decreto da Comunidade Autónoma e as normas da USC para a titulación correspondente. Os prezos na universidade de acollida deberán aboarse nesa universidade e polo importe que alí teña establecido a normativa que sexa de aplicación. Todo o estudantado, tanto da USC como o de acollida, deberá aboar as taxas de secretaría e as que correspondan á expedición de títulos. Non se abonará ningún tipo de prezo público nin taxa polo recoñecemento dos créditos establecido no convenio correspondente ás materias superadas na outra institución.

3. O convenio determinará a matrícula e os requisitos que debe cumprir o estudantado para ser aceptado no programa de simultaneidade. Os/As estudantes matricularanse na institución de acollida das materias e nos períodos que se establezan no convenio.

4. O estudantado doutras institucións de educación superior que aspiren a obter un título oficial na USC no marco dun convenio de simultaneidade de estudos deberá necesariamente cursar e superar na USC a totalidade dos créditos sinalados no convenio, sendo requisito mínimo indispensable que cursen, polo menos, 60 ECTS no caso das titulacións de grao (dous semestres completos) ou un mínimo de 30 ECTS nos títulos de mestrado universitario.

5. O estudantado de títulos de grao da USC que pretenda incorporarse a un programa de simultaneidade de estudos por convenio deberá ter superados, con carácter xeral, o 75% dos créditos ECTS da titulación da USC. En casos excepcionais, e a proposta xustificada do/a coordinador/a da titulación á Vicerreitoría con competencias na materia, o/a estudante podería incorporarse á institución de acollida tendo superados o 50% de créditos ECTS da titulación da USC.

6. No caso das titulacións de mestrado universitario, o estudantado da USC deberá ter superados o 50% do total de créditos ECTS na titulación da USC.

7. Dentro dos créditos que o estudantado debe cursar nas institucións de acollida poden incluírse os correspondentes ao Traballo Fin de Estudos.

Artigo 25. Normativa

1. Ao estudantado de grao e mestrado universitario que se matricule na USC nun programa de simultaneidade de estudos por convenio con outra institución, seranlle de aplicación as normas en vigor na USC.

2. O estudantado que se acolla a esta modalidade de estudos deberá acreditar a cobertura de asistencia médica e sanitaria en casos de accidente ou enfermidade durante a estadía na cidade na que radique a institución de acollida. Na USC, o estudantado debe subscribir o seguro obrigatorio.

3. No caso de que a titulación se imparta nunha lingua distinta das oficiais da USC, as institucións de educación superior participantes nun programa de simultaneidade por convenio establecerán os mecanismos necesarios para garantir que o estudantado seleccionado para cursar o programa posúe a competencia lingüística necesaria indicada no convenio que lle permita seguir con normalidade os estudos na institución de acollida. Para estes efectos corresponderá ao estudantado admitido acreditar a competencia lingüística mediante o sistema que se determine.

Artigo 26. Avaliación

1. Ao estudantado matriculado na USC nun programa de simultaneidade establecido en virtude dun convenio con outra institución de educación superior española ou estranxeira aplicaráselle o sistema de cualificacións vixente.

2. As materias ou créditos ECTS recoñecidos nos planos de estudos da USC terán a equivalencia en puntos correspondentes á cualificación obtida no centro onde se cursaron, logo da aplicación da táboa de equivalencia de cualificacións que figure no convenio.

3. As matrículas de honra que obteña o estudantado dun programa de simultaneidade de estudos no marco dun convenio deberán computarse xunto coas do restante estudantado matriculado na mesma materia.

4. No caso de que tras a aplicación da táboa de recoñecementos que establece o programa de simultaneidade por convenio, o recoñecemento de créditos ECTS se realice entre bloques de materias, a cualificación que se incorpore ao expediente do/a estudante en cada unha das materias do bloque de destino será a media ponderada de todas as materias superadas do bloque de orixe que se recoñece.

Artigo 27. Título e Suplemento Europeo ao Título

A expedición dos títulos obtidos ao abeiro do tipo de programas regulado neste capítulo realizarase consonte a normativa vixente. Os títulos que se expidan acompañaranse do correspondente Suplemento Europeo ao Título no que se especifique que o título foi obtido no marco dun programa de simultaneidade.

TÍTULO II

Estruturas curriculares específicas

CAPÍTULO I

Itinerario académico aberto de grao

Artigo 28. Itinerario académico aberto

Os itinerarios académicos abertos teñen como obxectivo flexibilizar a incorporación do estudantado aos estudos de grao mediante a programación de materias de varios títulos do mesmo ámbito ou de ámbitos afíns.

Artigo 29. Propostas

1. Os itinerarios académicos abertos de grao deberán ser propostos polas Comisións dos títulos que participen nos devanditos itinerarios. As propostas serán aprobadas polas respectivas Xuntas de Centro e polo Consello de Goberno, previo informe da Comisión de Titulacións e Ordenación Docente, delegada do Claustro Universitario.

2. As propostas deben respectar as seguintes características:

a. O itinerario aberto debe combinar materias de graos do mesmo ámbito de coñecemento ou de ámbitos afíns.

b. O itinerario debe combinar materias dun mínimo de dous graos.

c. O itinerario permitirá ao estudantado cursar entre 60 e 120 ETCS.

d. As universidades establecerán unha cota de admisión dentro de cada grao que forme parte dun itinerario académico aberto para o estudantado que desexe seguir estes itinerarios. Estas cotas non poderán superar en ningún caso o 10% do límite de prazas do título que oferte un menor número de prazas.

e. Para acceder ao itinerario, o/a estudante deberá contar cunha cualificación de acceso, como mínimo, igual á máis alta de todas as titulacións de grao integradas no itinerario.

f. Os créditos cursados polo/a estudante no itinerario académico aberto serán recoñecidos, total ou parcialmente, no grao finalmente elixido.

3. O estudantado do itinerario académico aberto deberá dispor dun proceso continuo de titorización e mentorización.

CAPÍTULO II

MENCIÓNS DUAIS EN TITULACIÓNS DE GRAO E MESTRADO UNIVERSITARIO

Artigo 30. Mencións duais

As titulacións de grao e de mestrado universitario poderán incluír unha mención dual que comporte un proxecto formativo común que se desenvolva de forma complementaria na Universidade e nunha entidade colaboradora. O obxectivo deste programa formativo é a capacitación do estudantado para mellorar a súa formación integral e a súa empregabilidade.

Artigo 31. Propostas de mencións duais

1. As mencións duais deberán ser propostas pola Comisión do Título. Serán aprobadas pola Xunta de Centro e, posteriormente, polo Consello de Goberno, logo de informe da Comisión de Titulacións e Ordenación Docente, delegada do Claustro Universitario.

2. A proposta deberá detallar os seguintes elementos:

a. Evidencias de participación das partes interesadas no deseño dos resultados de aprendizaxe.

b. Definición dos resultados de aprendizaxe (xustificados, aliñados cos obxectivos do título e concretados en coñecementos ou contidos, competencias e habilidades ou destrezas).

c. Garantía da transparencia nos procedementos.

d. Criterios e procedementos de adxudicación de prazas.

e. Desenvolvemento e proceso de mellora das actividades docentes nas entidades colaboradoras.

f. Mecanismos de protección de datos persoais.

g. Procedementos de supervisión das actividades do estudantado.

h. Procedementos de apoio ao estudantado e resolución de problemas.

i. Deseño da avaliación do estudantado.

l. Mecanismos de certificación e recoñecemento dos resultados de aprendizaxe.

m. Normativa de queixas e reclamacións.

n. Procedementos de mellora do proxecto de mención dual.

3. As mencións duais formalizaranse mediante convenios específicos acordados entre a Universidade e cada entidade participante, de acordo co establecido na normativa en vigor.

Artigo 32. Créditos a desenvolver na entidade colaboradora

1. A porcentaxe de créditos recollidos no plan de estudos que se desenvolvan na entidade colaboradora (empresa, organización, institución ou administración) será a establecida na normativa en vigor.

2. Dentro de tales porcentaxes deberá incluírse o Traballo Fin de Grao ou de Fin de Mestrado.

Artigo 33. Contratos para a formación dual

A actividade formativa desenvolvida en forma de mención dual na Universidade e na entidade colaboradora alternarase cunha actividade laboral retribuída, a través dun contrato para a formación, nos termos establecidos no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado mediante o Real Decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, e na súa normativa de desenvolvemento, así como no resto da normativa laboral que lle resulte de aplicación.

CAPÍTULO III

Modalidades bilingües

Artigo 34. Modalidades bilingües

1. As modalidades bilingües comportan un proxecto formativo desenvolvido nunha lingua non oficial na Comunidade Autónoma de Galicia, cuxo obxectivo é a capacitación do estudantado para mellorar a súa formación integral e a súa empregabilidade.

2. As modalidades bilingües deberán ser propostas pola Comisión do Título. Serán aprobadas pola Xunta de Centro e, posteriormente, polo Consello de Goberno, logo de informe da Comisión de Titulacións e Ordenación Docente, delegada co Claustro Universitario.

3. As condicións para a obtención do recoñecemento de modalidades bilingües deben estar recollidas na memoria de verificación da titulación.

4. As modalidades bilingües quedarán recollidas no Suplemento Europeo ao Título.

Artigo 35. Tipos de modalidades bilingües

1. As modalidades bilingües que se poderán desenvolver ao abeiro deste regulamento inclúen os itinerarios bilingües e as titulacións bilingües tanto en graos como en mestrados universitarios.

2. Para o recoñecemento dun itinerario bilingüe será necesario completar un mínimo dun 25% dos créditos ECTS da titulación nunha lingua non oficial na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Para o recoñecemento dunha titulación de grao ou mestrado universitario bilingüe será necesario completar un mínimo dun 50% dos créditos ECTS do titulo nunha lingua non oficial na Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Os créditos indicados nos dous parágrafos precedentes poderán obterse mediante as seguintes opcións:

a. Superación de materias (agás as prácticas en empresa e o Traballo Fin de Estudos) da propia titulación impartidas integramente na lingua na que se desexa obter a modalidade bilingüe.

b. Superación de materias realizadas no marco dos programas SICUE, ERASMUS ou similares impartidas integramente na lingua na que se desexa obter a modalidade. No caso de titulacións bilingües, os créditos recoñecidos mediante esta opción non poderán superar o 25% do total de créditos ECTS da titulación.

CAPÍTULO IV

Outras estruturas curriculares específicas

Artigo 36. Outras estruturas curriculares específicas

As memorias de título poderán incorporar outras estruturas curriculares específicas nos seus plans de estudo coas condicións indicadas na normativa en vigor. A referencia a estas estruturas curriculares reflectirase no Suplemento Europeo ao Título.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente Regulamento, en particular, as seguintes:

O Regulamento sobre Dobres Titulacións e Simultaneidade de Ensinanzas Oficiais na USC, aprobado polo Consello de Goberno do 27 de marzo de 2015.

A Resolución Reitoral do 3 de setembro de 2013 sobre Simultaneidade de Estudos entre Titulacións Adaptadas ao EEES.

Os Criterios para a Actuación na Realización, Defensa e Avaliación dos Traballos de Fin de Grao en Dobres Titulacións de Programas Integrais entre Centros da USC, aprobados pola Vicerreitoría de Titulacións o 7 de xuño de 2019.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

O presente regulamento entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no taboleiro electrónico da USC.

Publicado no taboleiro electrónico da USC con data 29/10/2025 CSV: 9624-2B70-4B03-9ACC