Skip to main content
STG

BOUSC 1 | Year I | November 20, 2025

III. Acordos e resolucións dos órganos da USC

Resolución reitoral do 10 de novembro de 2025 pola que se convocan eleccións de representantes no Claustro Universitario

Acordo da Comisión Electoral Central do día 10 de novembro de 2025

De conformidade cos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e co Regulamento Electoral Xeral (REX), a Comisión Electoral Central (CEC), na súa reunión do día 10 de novembro de 2025, acordou convocar eleccións de representantes no Claustro Universitario e aprobar as seguintes regras para o seu desenvolvemento:

Primeiro. Sectores electorais

Este acordo aplicarase ás eleccións de representantes no Claustro Universitario dos seguintes sectores:

- Sector I. Profesorado doutor con vinculación permanente.

- Sector II. Restantes categorías de PDI: Profesorado funcionario non doutor; profesorado axudante doutor; profesorado colaborador; profesorado asociado; profesorado substituto; profesorado emérito; profesorado visitante; profesorado distinguido; persoal investigador da USC pertencente a algunha das categorías establecidas na Lei 14/2011, de 1 de xuño, da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación así como no Acordo sobre clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación da Universidade de Santiago de Compostela, sempre que permitan a colaboración en tarefas docentes; persoal investigador en formación, segundo o establecido nos Estatutos da USC e na Disposición adicional quinta do REX; persoal doutor contratado pola USC consonte a lexislación vixente con cargo a programas competitivos de incorporación ás universidades de investigadores e/ou docentes, sempre que o contrato permita docencia; aqueloutras persoas contratadas pola USC mediante concurso público que realicen labores docentes ou investigadoras e que cumpran os requisitos, entre outros os de permanencia e dedicación que se establezan no REX.

No caso de profesorado e persoal investigador con vinculación temporal coa USC, será requisito para considerarse elector que o seu vínculo coa Universidade teña unha antigüidade igual ou superior a un ano dentro dos últimos dezaoito meses e unha dedicación polo menos a media xornada.

- Sector III. Estudantado da USC matriculado en titulacións oficiais de grao, máster e doutoramento.

- Sector IV. Persoal técnico, de xestión e de administración e servizos contratado con cargo ao capítulo I das normas orzamentarias; persoal directivo profesional e persoal eventual, así como persoal das categorías de persoal investigador sen colaboración en tarefas docentes e das de persoal de apoio á investigación recollidas no Acordo sobre clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación da Universidade de Santiago de Compostela.

No caso de persoal técnico, de xestión e de administración e servizos e de persoal investigador sen colaboración en tarefas docentes e persoal de apoio á investigación con vinculación temporal será requisito para consideralo como elector que o seu vínculo coa Universidade teña unha antigüidade igual ou superior a un ano dentro dos últimos dezaoito meses e unha dedicación de polo menos media xornada.

Segundo. Calendario electoral

Estas eleccións desenvolveranse conforme ao seguinte calendario:

Publicación do censo provisional

10 de novembro

Reclamacións ante a Secretaría Xeral contra o censo provisional

10 - 14 novembro

Resolución da Secretaría Xeral sobre rectificación do censo

18 de novembro

Recursos ante a Comisión Electoral Central (CEC) contra o censo

18 - 21 de novembro

Publicación do censo electoral definitivo

25 novembro

Presentación de candidaturas

26 novembro - 5 decembro

Proclamación provisional de candidatos/as

11 decembro

Recursos ante a CEC contra a proclamación provisional de candidatos/as

12 - 16 decembro

Proclamación definitiva de candidatos/as

19 decembro

Sorteo de membros da mesa electoral electrónica

19 decembro

Campaña electoral

27 xaneiro - 10 de febreiro

Xornada de reflexión

11 febreiro

Votacións

12 de febreiro

Proclamación provisional de candidatos/as electos/as

13 de febreiro

Recursos ante a CEC contra a proclamación provisional de candidatos/as electos/as

18 febreiro – 24 febreiro

Proclamación definitiva de candidatos/as electos/as

26 de febreiro

Terceiro. Votacións

O procedemento electoral será de votación electrónica, conforme ao establecido no anexo I.

As votacións efectuaranse o día 12 de febreiro de 2026, en horario ininterrompido desde as 09:00 ata as 18:00 horas.

Cuarto. Electores e elixibles

Serán electores e elixibles en cada sector as persoas censadas nel de conformidade coa normativa electoral.

Quinto. Número de representantes

Unha vez publicado o censo definitivo a CEC determinará o número de representantes a elixir por cada sector e circunscrición.

Sexto. Presentación de candidaturas e outros escritos

As candidaturas e os escritos relacionados con esta convocatoria presentaranse a través da aplicación electoral: https://aplicacions.usc.es/axe/publica, antes das 14:00 horas do día no que remate o prazo de presentación. Para acceder á aplicación electoral os/as electores/as terán que identificarse mediante as claves de acceso corporativas da USC. O estudantado tamén poderá acceder á aplicación dende a Secretaría Virtual.

Os candidatos e candidatas que desexen formalizar unha agrupación electoral para presentar candidaturas, realizar a campaña electoral e nomear interventores/as (art. 25 REX) deben ter en conta que se a agrupación non está inscrita no rexistro de asociacións da USC, o/a representante da agrupación deberá solicitar á Secretaría Xeral, no prazo de presentación de candidaturas, concorrer como agrupación electoral e nomear a un/unha representante, que será responsable diante da USC e de terceiros.

No caso de non presentar a solicitude para formalizar a agrupación electoral nos termos indicados anteriormente, a Secretaría Xeral aceptará a candidatura sempre que cumpra os restantes requisitos, facendo constar no apartado de agrupación “ningunha”.

As agrupacións electorais deberán respectar na medida do posible a regra de que as candidaturas dun mesmo sexo non superen o 60%.

Sétimo. Suposto de non procedencia de votación

Non será preciso someter a votación a elección de representantes nos seguintes casos:

a) Cando o número de representantes a elixir nun sector e circunscrición sexa igual ou superior ao número de electores. Neste suposto serán proclamados membros do órgano correspondente todos os electores/as que presenten candidatura.

b) Cando o número de candidatos/as sexa igual ou inferior ao número de postos elixibles.

Disposición adicional

Este proceso electoral rexerase polo establecido nesta convocatoria, polo REX en todo o que sexa de aplicación e, subsidiariamente, pola regulación electoral xeral e de administración electrónica que sexa de aplicación.

Disposición final

Esta convocatoria terá efectos desde o día da súa publicación no taboleiro electrónico da USC.

Santiago de Compostela, na data da sinatura electrónica

O reitor

Antonio López Díaz

Publicado no taboleiro electrónico da USC con data do 10/11/2025

https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/anuncio/136138/carga.htm

CSV: 42BB-94B3-4902-87E0

ANEXO I

PROCEDEMENTO ELECTORAL

Sistema electoral electrónico

1. O sistema electoral consistirá na emisión de votos desde un dispositivo conectado a Internet ata unha urna dixital remota situada nun recinto protexido e baixo a custodia da Comisión Electoral Central da USC.

A USC garantirá que a infraestrutura tecnolóxica que dá soporte ao sistema electoral contemple as medidas de seguridade que garantan o correcto funcionamento durante o período no que se exerce o dereito ao voto, o secreto e a privacidade do votante, a integridade do voto e un escrutinio disociado.

2. O sistema electoral electrónico será o seguinte:

a) Reunirase a Mesa electoral electrónica que estará composta por tres membros, nomeados pola Comisión Electoral Central, logo dun sorteo (presidente e vogais). Na reunión tamén poderán estar presentes as persoas designadas interventoras, e o equipo de apoio responsable do mantemento do voto electrónico. Reuniranse a primeira vez cunha antelación mínima dunha hora ao inicio da votación no lugar que determine a Comisión Electoral Central.

Para a válida constitución da Mesa electoral electrónica será necesaria a asistencia dos tres membros.

b) O presidente da Mesa Electoral Electrónica deberá iniciar o sistema de elección o día e á hora indicada na convocatoria de eleccións. Ningún elector nin electora poderá acceder á dirección electrónica que dá acceso á páxina web electoral fóra do horario establecido para a votación.

3. A votación realizarase unha soa vez, sendo este o voto válido emitido.

4. O sistema de votación contemplará a posibilidade de emitir votos a persoas e votos en branco. Non existirán votos nulos.

Sistema de votación

1. O voto electrónico emitirase desde calquera dispositivo conectado a Internet.

2. Os electores e as electoras conectaranse a través da súa Secretaría Virtual, ou ben desde a web electoral, na que se habilitará unha ligazón á aplicación de voto. No caso de non se poder conectar, porano en coñecemento da Comisión Electoral Central ou da Secretaría Xeral a efectos de que se tomen as medidas oportunas para resolver a incidencia. A comunicación farase a través da conta de correo evoto@usc.es.

3. Os electores e electoras identificaranse coas claves de acceso corporativas da USC.

4. Na pantalla de votación constarán relacionadas as candidaturas proclamadas, así como a opción de voto en branco. Unha vez realizada a opción de voto, terase que premer “Emitir o voto”. A continuación mostrarase a candidatura ou as candidaturas escollida/s e solicitarase a confirmación da opción elixida. En caso de non querer confirmala, o elector ou electora terá a posibilidade de realizar unha nova selección.

5. Unha vez confirmada a opción de voto, codificarase o voto coa clave de codificación/cifra. Seguidamente, tense que asinar o voto do elector ou electora e tense que remitir á urna dixital remota.

6. Unha vez finalizado o procesamento do voto darase opción a imprimir ou gardar un recibo cun código de control, que permitirá comprobar ao elector ou electora que o seu voto foi emitido e utilizado no escrutinio.

7. As votacións realizadas por este sistema substitúen ás votacións en urna física e os resultados serán vinculantes, sen precisar sistemas alternativos para a votación presencial.

Administración Electoral

A Comisión Electoral Central será a responsable do procedemento electoral e da custodia dos votos emitidos. Entre as súas funcións está:

Resolver as incidencias do procedemento e difundir os acordos adoptados para resolución das mesmas

Publicar e difundir os resultados do escrutinio

Resolver as reclamacións e recursos

Pola súa banda, a Mesa Electoral Electrónica encargarase da apertura da urna electrónica en presenza das persoas interventoras; responsabilizarase da custodia da clave descifradora para permitir o escrutinio e realizará este.

Poderá existir unha Mesa de administración nomeada pola Comisión Electoral Central para resolver as incidencias técnicas ou administrativas que se poidan producir durante a votación electrónica na que colaborará un equipo de apoio técnico que asesorará en aspectos tecnolóxicos.

Se por causas de forza maior ou por calquera incidencia técnica non fose posible iniciar os actos de votación ou de escrutinio, ou se tivesen que interromper estes unha vez iniciados, a Comisión Electoral, en función da duración e natureza da incidencia ou doutras circunstancias, poderá adoptar calquera das solucións seguintes:

a) Prorrogar a duración do período da votación electrónica polo tempo que estime conveniente

b) Suspender ou aprazar a votación ou o escrutinio

c) Acordar que a votación se leve a cabo polo sistema tradicional, coa indicación dos prazos pertinentes, e resolver as restantes cuestións que estime oportunas

No caso de que se opte polas solucións b) ou c), se algún elector ou electora tivese votado a Comisión Electoral Central poderá acordar a destrución dos votos e das claves criptográficas. Neste caso, o electorado afectado volverá exercer o seu dereito de sufraxio co sistema e data que se acorde.

Se a anomalía comportase a substitución de calquera dos computadores que conforman o sistema informático electoral, a Comisión Electoral Central poderá ordenar a súa reposición ou a destrución dos votos e das claves criptográficas.

Se o que se tivese que substituír fose a urna electrónica, a Comisión Electoral Central decidirá cando proceder á destrución dos votos e das claves criptográficas.

A presidencia da Comisión Electoral Central comunicará as medidas acordadas ao órgano competente a fin de que informe ao electorado afectado e lles dea publicidade na páxina web electoral.

As incidencias xurdidas ao longo do procedemento e as medidas de resolución adoptadas faranse constar en acta.

A Secretaría Xeral da Universidade coidará do correcto desenvolvemento da convocatoria electoral e asegurará a disposición de medios para a votación.

Escrutinio do voto

1. Acabadas as votacións electrónicas, os membros da Comisión Electoral Central reuniranse no lugar que a presidencia determine.

2. Os membros da Mesa Electoral Electrónica, con presenza das persoas interventoras e, no seu caso, das asesoras técnicas do voto electrónico, procederán a reconstruír a clave descifradora, descodificar os votos e iniciar o escrutinio. En todo caso, será necesaria para a reconstrución da clave descifradora a presenza dos tres membros da Mesa Electoral Electrónica. Se algún deles extraviase a súa fracción de clave terá que xustificalo e comunicalo á presidencia, debéndose facer constar esta incidencia na acta da sesión.

3. Cada un dos membros da Mesa Electoral Electrónica achegará a fracción da clave descifradora que lle corresponde e a descodificará co seu certificado dixital. Así reconstruirase a clave mencionada que permitirá interpretar o contido dos votos electrónicos. A continuación iniciarase o escrutinio electrónico.

4. O proceso de descifrado dos votos ten que garantir que se impida coñecer a identidade dos votantes.

5. A presidencia da Comisión Electoral Central publicará o resultado provisorio das eleccións conforme aos calendarios e procedementos establecidos nesta convocatoria.

6. Agás no caso de impugnación, unha vez transcorrido o prazo de catro meses desde a proclamación dos e das representantes electos, a presidencia da Comisión Electoral, en presenza, se é o caso, do asesoramento técnico pertinente, procederá á destrución tanto da clave descifradora que permite abrir a urna electoral como dos votos electrónicos depositados na urna electrónica remota.

Non se poderán destruír os votos electrónicos que fosen obxecto de impugnación, reclamación ou dúbida, nin polo tanto a clave descifradora. Esta e os votos electrónicos custodiaranse e conservaranse ata que finalice o procedemento correspondente.

Ata a destrución da clave descifradora e dos votos electrónicos depositados na urna electrónica, a Mesa Electoral Electrónica custodiará a clave descifradora e os votos electrónicos depositados na urna electrónica, de acordo co seguinte procedemento:

Cada membro da Mesa Electoral Electrónica introducirá nun sobre a memoria USB coa parte da clave criptográfica mencionada. Todos os sobres terán que estar debidamente pechados e asinados de forma manuscrita.

Gardarase nun soporte informático a lista de votos electrónicos cifrados.

A persoa titular da Secretaría Xeral conservará toda a información xerada durante o proceso electoral para garantir que os votos emitidos non sexan alterados e gardaraos na caixa forte de seguridade da Universidade, baixo a súa custodia.