Skip to main content
STG

BOUSC 1 | Year I | November 20, 2025

III. Acordos e resolucións dos órganos da USC

Resolución reitoral do 10 de novembro de 2025 pola que se convocan eleccións de representantes nas Xuntas de Centro e nos Consellos de Departamento

Acordo da Comisión Electoral Central do día 10 de novembro de 2025

De conformidade cos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e co Regulamento Electoral Xeral (REX), a Comisión Electoral Central, na súa reunión do día 10 de novembro de 2025, acordou convocar eleccións de representantes nas Xuntas de Centro e nos Consellos de Departamentos e aprobar as seguintes regras para o seu desenvolvemento:

Primeiro. Convocatoria

Este acordo aplicarase aos seguintes procesos electorais:

1. Elección de representantes nas Xuntas de Centro (Facultades e Escolas) dos seguintes sectores:

- Persoal docente e investigador sen vinculación permanente e investigadores/as en formación.

- Estudantado de grao e máster.

- Persoal técnico, de xestión e de administración e servizos.

2. Elección de representantes nos Consellos de Departamento dos seguintes sectores:

- Restantes categorías de PDI e persoal investigador en formación.

- Estudantado de grao, máster e doutoramento.

- Persoal técnico, de xestión e de administración e servizos.

Segundo. Calendario electoral

Estas eleccións desenvolveranse conforme ao calendario que figura como anexo I desta convocatoria.

Terceiro. Votacións

O procedemento electoral será de votación electrónica, conforme ao establecido no anexo II.

As votacións efectuaranse o día 12 de febreiro de 2026, en horario ininterrompido desde as 9:00 ata as 18:00 horas.

Cuarto. Electores e elixibles

Serán electores e elixibles as persoas censadas no sector correspondente de conformidade coa normativa electoral. Os censos estarán a disposición para consulta na Reitoría (dependencias da Secretaría Xeral), na Vicerreitoría de Organización Académica e do Campus de Lugo así como nos lugares habilitados para estes efectos nos centros e nos departamentos. Así mesmo, poderá consultarse a inclusión nos censos de xeito individualizado na aplicación electoral: https://aplicacions.usc.es/axe/publica.

Quinto. Presentación de candidaturas e outros escritos

A presentación das candidaturas e dos escritos relacionados con esta convocatoria deberá realizarse a través da aplicación electoral: https://aplicacions.usc.es/axe/publica antes das 14:00 horas do día no que remate o prazo de presentación. Para acceder á aplicación electoral os/as electores/as terán que identificarse mediante as claves de acceso corporativas da USC. O estudantado tamén poderá acceder á aplicación desde a Secretaría Virtual.

Os candidatos e candidatas que desexen formalizar unha agrupación electoral para presentar candidaturas, realizar a campaña electoral e nomear interventores/as (art. 25 REX) deben ter en conta que se a agrupación non está inscrita no rexistro de asociacións da USC, o/a representante da agrupación deberá solicitar á Secretaría Xeral, no prazo de presentación de candidaturas, concorrer como agrupación electoral, e nomear a un/unha representante, que será responsable diante da USC e de terceiros.

De non presentarse nos termos indicados, a Secretaría Xeral aceptará a candidatura sempre que cumpra os restantes requisitos, facendo constar no apartado de agrupación “Ningunha”.

Na medida do posible as agrupacións electorais deberán respectar a regra de que as candidaturas dun mesmo sexo non superen o 60%.

Sexto. Suposto de non procedencia da votación

Non se someterá a votación a elección de representantes cando o número de candidatos e candidatas sexa igual ou inferior ao número de postos elixibles na circunscrición correspondente.

Disposición adicional

Este proceso electoral rexerase polo establecido nesta convocatoria, polo REX en todo o que sexa de aplicación e, subsidiariamente, pola regulación electoral xeral e de administración electrónica que sexa de aplicación.

Disposición final

Esta convocatoria terá efectos desde o día da súa publicación no taboleiro electrónico da USC.

Santiago de Compostela, na data da sinatura electrónica.

O reitor

Antonio López Díaz

Publicado no taboleiro electrónico da USC con data do 10/11/2025

https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/anuncio/136139/carga.htm

CSV: 794A-A493-4354-BCF0

ANEXO I

Exposición do censo provisional

10 de novembro

Reclamacións ante a Secretaría Xeral contra o censo provisional

10-14 de novembro

Resolución da Secretaría Xeral sobre rectificación do censo

18 de novembro

Recursos ante a Comisión Electoral Central (CEC) contra o censo

18-21 de novembro

Publicación do censo electoral definitivo

25 de novembro

Publicación do número de representantes a elixir en cada circunscrición

25 de novembro

Presentación de candidaturas

26 de novembro-5 de decembro

Proclamación provisional de candidatos/as

11 de decembro

Recursos ante a CEC contra a proclamación provisional de candidatos/as

12-16 de decembro

Proclamación definitiva de candidatos/as

19 de decembro

Sorteo da letra de inicio de inscrición de candidatos/as nas papeletas electrónicas

19 de decembro

Sorteo de membros da mesa electoral electrónica

19 de decembro

Campaña electoral

27 de xaneiro- 10 de febreiro

Xornada de reflexión

11 de febreiro

Votacións

12 de febreiro

(desde as 9:00 h ata as 18:00 h)

Proclamación provisional de candidatas/os electas/os

13 de febreiro

Recursos ante a CEC contra a proclamación provisional de candidatas/os electas/os

18-24 de febreiro

Proclamación definitiva de candidatas/os electas/os

26 de febreiro

ANEXO II

PROCEDEMENTO ELECTORAL

Sistema electoral electrónico

1. O sistema electoral consistirá na emisión de votos desde un dispositivo conectado a Internet ata unha urna dixital remota situada nun recinto protexido e baixo a custodia da Comisión Electoral Central da USC.

A USC garantirá que a infraestrutura tecnolóxica que dá soporte ao sistema electoral contemple as medidas de seguridade que garantan o correcto funcionamento durante o período no que se exerce o dereito ao voto, o secreto e a privacidade do votante, a integridade do voto e un escrutinio disociado.

2. O sistema electoral electrónico será o seguinte:

a) Reunirase a Mesa electoral electrónica que estará composta por tres membros, nomeados pola Comisión Electoral Central, logo dun sorteo (presidente e vogais). Na reunión tamén poderán estar presentes as persoas designadas interventoras, e o equipo de apoio responsable do mantemento do voto electrónico. Reuniranse a primeira vez cunha antelación mínima dunha hora ao inicio da votación no lugar que determine a Comisión Electoral Central.

Para a válida constitución da Mesa electoral electrónica será necesaria a asistencia dos tres membros.

b) O presidente da Mesa Electoral Electrónica deberá iniciar o sistema de elección o día e á hora indicada na convocatoria de eleccións. Ningún elector nin electora poderá acceder á dirección electrónica que dá acceso á páxina web electoral fóra do horario establecido para a votación.

3. A votación realizarase unha soa vez, sendo este o voto válido emitido.

4. O sistema de votación contemplará a posibilidade de emitir votos a persoas e votos en branco. Non existirán votos nulos.

Sistema de votación

1. O voto electrónico emitirase desde calquera dispositivo conectado a Internet.

2. Os electores e as electoras conectaranse a través da súa Secretaría Virtual, ou ben desde a web electoral, na que se habilitará unha ligazón á aplicación de voto. No caso de non se poder conectar, porano en coñecemento da Comisión Electoral Central ou da Secretaría Xeral a efectos de que se tomen as medidas oportunas para resolver a incidencia. A comunicación farase a través da conta de correo evoto@usc.es.

3. Os electores e electoras identificaranse coas claves de acceso corporativas da USC.

4. Na pantalla de votación constarán relacionadas as candidaturas proclamadas, así como a opción de voto en branco. Unha vez realizada a opción de voto, terase que premer “Emitir o voto”. A continuación mostrarase a candidatura ou as candidaturas escollida/s e solicitarase a confirmación da opción elixida. En caso de non querer confirmala, o elector ou electora terá a posibilidade de realizar unha nova selección.

5. Unha vez confirmada a opción de voto, codificarase o voto coa clave de codificación/cifra. Seguidamente, tense que asinar o voto do elector ou electora e tense que remitir á urna dixital remota.

6. Unha vez finalizado o procesamento do voto darase opción a imprimir ou gardar un recibo cun código de control, que permitirá comprobar ao elector ou electora que o seu voto foi emitido e utilizado no escrutinio.

7. As votacións realizadas por este sistema substitúen ás votacións en urna física e os resultados serán vinculantes, sen precisar sistemas alternativos para a votación presencial.

Administración Electoral

A Comisión Electoral Central será a responsable do procedemento electoral e da custodia dos votos emitidos. Entre as súas funcións está:

a) Resolver as incidencias do procedemento e difundir os acordos adoptados para resolución das mesmas

b) Publicar e difundir os resultados do escrutinio

c) Resolver as reclamacións e recursos

Pola súa banda, a Mesa Electoral Electrónica encargarase da apertura da urna electrónica en presenza das persoas interventoras; responsabilizarase da custodia da clave descifradora para permitir o escrutinio e realizará este.

Poderá existir unha Mesa de administración nomeada pola Comisión Electoral Central para resolver as incidencias técnicas ou administrativas que se poidan producir durante a votación electrónica na que colaborará un equipo de apoio técnico que asesorará en aspectos tecnolóxicos.

Se por causas de forza maior ou por calquera incidencia técnica non fose posible iniciar os actos de votación ou de escrutinio, ou se tivesen que interromper estes unha vez iniciados, a Comisión Electoral, en función da duración e natureza da incidencia ou doutras circunstancias, poderá adoptar calquera das solucións seguintes:

a) Prorrogar a duración do período da votación electrónica polo tempo que estime conveniente

b) Suspender ou aprazar a votación ou o escrutinio

c) Acordar que a votación se leve a cabo polo sistema tradicional, coa indicación dos prazos pertinentes, e resolver as restantes cuestións que estime oportunas

No caso de que se opte polas solucións b) ou c), se algún elector ou electora tivese votado a Comisión Electoral Central poderá acordar a destrución dos votos e das claves criptográficas. Neste caso, o electorado afectado volverá exercer o seu dereito de sufraxio co sistema e data que se acorde.

Se a anomalía comportase a substitución de calquera dos computadores que conforman o sistema informático electoral, a Comisión Electoral Central poderá ordenar a súa reposición ou a destrución dos votos e das claves criptográficas.

Se o que se tivese que substituír fose a urna electrónica, a Comisión Electoral Central decidirá cando proceder á destrución dos votos e das claves criptográficas.

A presidencia da Comisión Electoral Central comunicará as medidas acordadas ao órgano competente a fin de que informe ao electorado afectado e lles dea publicidade na páxina web electoral.

As incidencias xurdidas ao longo do procedemento e as medidas de resolución adoptadas faranse constar en acta.

A Secretaría Xeral da Universidade coidará do correcto desenvolvemento da convocatoria electoral e asegurará a disposición de medios para a votación.

Os órganos de goberno das Facultades e Escolas colaborarán no desenvolvemento e tramitación das eleccións, proporcionarán os medios e asesoramento necesarios e velarán pola boa marcha da xornada electoral. A estes efectos, correspóndelle a responsabilidade desta colaboración ao decano/a ou director/a do Centro, ou a quen este/a designe expresamente, debendo comunicalo á Secretaría Xeral.

Escrutinio do voto

1. Acabadas as votacións electrónicas, os membros da Comisión Electoral Central reuniranse no lugar que a presidencia determine.

2. Os membros da Mesa Electoral Electrónica, con presenza das persoas interventoras e, no seu caso, das asesoras técnicas do voto electrónico, procederán a reconstruír a clave descifradora, descodificar os votos e iniciar o escrutinio. En todo caso, será necesaria para a reconstrución da clave descifradora a presenza dos tres membros da Mesa Electoral Electrónica. Se algún deles extraviase a súa fracción de clave terá que xustificalo e comunicalo á presidencia, debéndose facer constar esta incidencia na acta da sesión.

3. Cada un dos membros da Mesa Electoral Electrónica achegará a fracción da clave descifradora que lle corresponde e a descodificará co seu certificado dixital. Así reconstruirase a clave mencionada que permitirá interpretar o contido dos votos electrónicos. A continuación iniciarase o escrutinio electrónico.

4. O proceso de descifrado dos votos ten que garantir que se impida coñecer a identidade dos votantes.

5. A presidencia da Comisión Electoral Central publicará o resultado provisorio das eleccións conforme aos calendarios e procedementos establecidos nesta convocatoria.

6. Agás no caso de impugnación, unha vez transcorrido o prazo de catro meses desde a proclamación dos e das representantes electos, a presidencia da Comisión Electoral, en presenza, se é o caso, do asesoramento técnico pertinente, procederá á destrución tanto da clave descifradora que permite abrir a urna electoral como dos votos electrónicos depositados na urna electrónica remota.

Non se poderán destruír os votos electrónicos que fosen obxecto de impugnación, reclamación ou dúbida, nin polo tanto a clave descifradora. Esta e os votos electrónicos custodiaranse e conservaranse ata que finalice o procedemento correspondente.

Ata a destrución da clave descifradora e dos votos electrónicos depositados na urna electrónica, a Mesa Electoral Electrónica custodiará a clave descifradora e os votos electrónicos depositados na urna electrónica, de acordo co seguinte procedemento:

Cada membro da Mesa Electoral Electrónica introducirá nun sobre a memoria USB coa parte da clave criptográfica mencionada. Todos os sobres terán que estar debidamente pechados e asinados de forma manuscrita.

Gardarase nun soporte informático a lista de votos electrónicos cifrados.

A persoa titular da Secretaría Xeral conservará toda a información xerada durante o proceso electoral para garantir que os votos emitidos non sexan alterados e gardaraos na caixa forte de seguridade da Universidade, baixo a súa custodia.