Skip to main content
STG

Rodríguez Fer participa este martes na inauguración dunha placa cun poema de Valente en Francia

O director da Cátedra Valente da USC coordina un volume no que distintos autores analizan en detalle a estadía deste poeta ourensán en Xenebra e na Alta Saboia

O profesor na Facultade de Humanidades e director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC, Claudio Rodríguez Fer, participará este martes, día 27 de maio, na cerimonia de inauguración dunha placa con poema do autor ourensán na Alta Saboia francesa, o territorio onde residira José Ángel Valente durante o período no que exerceu como funcionario internacional na veciña cidade suíza de Xenebra.

A apertura desta placa cun poema de Valente encádrase dentro dos actos organizados para conmemorar o aniversario da creación do Comité Nacional da Resistencia. Co gallo desta efeméride instalarase no monumento ‘Aos españois mortos pola liberdade no Exército francés e na Resistencia’, unha obra do escultor exiliado Baltasar Lobo emprazada na localidade de Annecy, a placa co poema de Valente ‘Cementerio de Morette-Glières, 1944’, traducido ao francés. No pedestal do monumento pódese ler unha frase de Cervantes, na que afirma que pola liberdade “pódese e débese arriscar a vida”. A cerimonia de inauguración da placa co poema de José Ángel Valente terá lugar ás 14.30 e estará presidido por autoridades institucionais francesas. No transcurso do acto tamén intervirán o doutor en Historia Contemporánea e presidente da Amical dos Resistentes Españois de Annecy, Miguel Vera Platero, e Claudio Rodríguez Fer, na súa dobre condición de presidente da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo en Galicia e presidente de honra da Asociación dos Descendentes de Exiliados Republicanos en Brest, un colectivo que agrupa aos fillos do exilio na Bretaña francesa. O director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC adiantou neste senso a próxima publicación, a cargo do Servizo de Publicacións da USC, dun libro coordinado polo propio Rodríguez Fer e no que distintos autores tratan en detalle a estancia de Valente en Xenebra e na Alta Saboia, así como a xénese e a análise do seu poema ‘Cementerio de Morette-Glières, 1944’. Uns versos que recollen a memoria dos refuxiados españois que morreron defendendo a liberdade de todos en Francia: “¿Quién podría decir que murieron en vano?”, escribiu Valente.

The contents of this page were updated on 05.26.2014.