Skip to main content
STG

Os campus de Santiago e Lugo contarán este verán con vinte e cinco cursos intensivos de idiomas

Juan Casares e Katerina Vlasakova presentaron os cursos intensivos do CLM para este verán
Juan Casares e Katerina Vlasakova presentaron os cursos intensivos do CLM para este verán
Mantéñense as taxas e este ano como novidade hai un curso de inglés académico

Os campus de Santiago e Lugo contarán este verán cunha programación de vinte e cinco cursos intensivos de dezaseis idiomas que impartirá o Centro de Linguas Modernas da USC. O reitor Juan Casares e a directora do CLM, Katerina Vlasakova, presentaron a oferta estival este luns 12 e estiveron acompañados por Irene Rivas Veiras, que traduciu as súas palabras á lingua de signos que, precisamente se atopa entre as propostas de cursos do CLM. O reitor destacou durante a presentación, que a programación destes cursos é unha mostra do compromiso de internacionalización da institución, dando a oportunidade de coñecer linguas doutros tanto a membros da comunidade universitaria como da sociedade en xeral. Katerina Vlasakova presentou a oferta, que se desenvolverá entre os días 7 ao 18 de xullo, e na que se inclúen cursos de alemán, árabe, catalán, checo, chinés, eslovaco, euskera, francés, grego moderno, húngaro, inglés, italiano, polaco, portugués, ruso, xaponés e lingua de signos española, no campus de Santiago e alemán, chinés, francés, inglés, portugués e lingua de signos española no campus de Lugo. Os cursos do CLM están dirixidos, preferentemente, a alumnado da USC que marchen cunha bolsa de mobilidade a algunha universidade estranxeira pero están abertos a maiores de 16 anos. O obxectivo das clases é ofrecer aos alumnos técnicas e práctica de destrezas e estratexias de comunicación, así como contidos específicos e funcionais que lles sexan útiles na súa estadía no estranxeiro. Como novidade, este verán os interesados poden asistir a un curso de inglés para fins académicos, titulado ‘English for Academical Purposes’, impartido pola profesora convidada do University Language Centre da Universidade de Manchester, Jane Bootomley. Para os cursos de inglés e francés é preciso realizar unha proba de nivel que terá lugar o día 17 para os dous campus. Os cursos de iniciación ao idioma inclúen contidos do nivel A1 segundo o Marco Común Europeo de Referencia, necesarios durante as estadías de estudos, traballo e/ou de turismo, así como outros relacionados coa cultura do país. En canto aos estudos específicos, o CLM volve a organizar o curso de preparación para os exames NOKEN de lingua xaponesa como lingua estranxeira. Dende 2012 a USC é unha das tres universidades que realizan exames oficiais deste nivel. As linguas oficiais do estado español teñen de novo oco na programación do CLM, os cursos intensivos de verán complementan os que se celebran durante todo o curso con propostas de catalán e euskera, así como galego para non galego falantes e español como lingua estranxeira. As clases desenvolveranse en horario de mañá e/ou tarde e terán un máximo de 20 alumnos por grupo. A matrícula pode facerse por internet na páxina do CLM www.usc.es/clm , abríndose o prazo o día 15 para os cursos de iniciación e a partir do 19 de xuño para os cursos de nivel intermedio e avanzado para os que é preciso superar unha proba de acceso. A USC mantén as mesmas taxas de matrícula que en anteriores edicións con dúas modalidades, unha xeral de 175 euros e reducida para membros da comunidade universitaria de 150 euros. Os alumnos que cumpran os requisitos contarán con certificados e créditos de libre configuración. Elevado grado de satisfacción Na convocatoria de cursos intensivos de verán en 2013 participaron 300 persoas que tras ser enquisados amosaron un grado de satisfacción elevado. O alumnado estivo conformado nun 61% por mulleres e un 33% homes. Máis do 30% tiñan entre 21 e 25 anos, aínda que tamén houbo un 20% menores de 20 anos, sendo na súa maioría galegos (93%) e membros da comunidade universitaria (68%). A principal motivación que esgrimiron para apuntarse aos cursos do CLM foi o interese polos contidos do mesmo (68%) aínda que tamén unha destacada porcentaxe (22,3%) se matriculou buscando a habilitación profesional. A maioría dos participantes (57%) descubriron os cursos a través da páxina web da USC e preto do 100% (94,1%) o recomendaría aos seus amigos e coñecidos. O grado de satisfacción global media situouse para os participantes na convocatoria dos cursos de verán 2013 no 4,57% sobre cinco. Para máis información pode consultarse a páxina web www.usc.es/clm ou visitar as sedes do CLM en Lugo, na Facultade de Humanidades, e en Santiago na Casa dos Catedráticos, no Campus Vida.

The contents of this page were updated on 05.12.2014.