Skip to main content
STG

O proxecto europeo Citizenergy, Cidadáns Europeos polas Renovables, dá os seus primeiros pasos na USC

O proxecto Citizenergy, constituído o pasado mes de marzo, conta coa participción de catorce socios de nove países
O proxecto Citizenergy, constituído o pasado mes de marzo, conta coa participción de catorce socios de nove países

Citizenergy é o acrónimo de Cidadáns Euroepos polas Renovables (e na súa acepción inglesa da European Platform for citizen investiment in renewable energy), un proxecto europeo que tentará promover sinerxías entre proxectos e a transferencia en Europa de modelos de negocio clave na área das enerxías renovables. No seu desenvolvemento participan un total de catorce socios de nove países diferentes, entre eles o grupo de investigación Valoración Financeira Aplicada da USC que organizan unha xuntanza de traballo este xoves 12 e o venres 13 na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. O resultado principal do proxecto será a creación dunha nova plataforma en liña en Europa para os investimentos dos cidadáns en proxectos con base nas fontes de enerxía renovables. Cun orzamento de un millón e medio de euros, participan no desenvolvemento desta plataforma Ateknea Solutions Catalonia, Boa Energia, Lumo France, Green Crowding, Abundance, Som Energia, De Windvogel, European Crowdfunding Network, Active Citizenship Network, European Association of Development Agencies, Climate Alliance, United Nations Development Program, Eupportunity e o grupo de Valoración Financeira Aplicada da USC. O equipo da USC asume o liderado do paquete de traballo destinado a identificar os distintos tipos de modelos de negocio e as súas características no ámbito das enerxías renovables. O proxecto iniciado este mesmo ano, estenderase ata comezos de 2017, e celebra na USC a súa segunda xuntanza que profundará na coordinación dos equipos para o desenvolvemento da plataforma que será probada coa axuda de seis proxectos piloto RES (Renewable Energy Source) en Alemaña, España, Francia, Holanda, Portugal e no Reino Unido. Segundo David Rodeiro, integrante do equipo de investigación da USC implicado neste proxecto, espéranse obter 14,6 millóns de euros no ano 2017, representando 6.000 investimentos de cidadáns de dez estados membro europeos. Os socios de Citizenergy traballarán na liña de construír un futuro enerxético seguro e a obtención dos obxectivos de enerxía trazados pola UE no horizonte de 2020 que apuntaban unha redución do consumo de enerxía primaria dun 20% para ese ano. Ademais, o desenvolvemento deste proxecto permitiría anticipar un marco común da UE para o investimento do cidadán, así como apoiar unha cultura de investimento a longo prazo e para a creación de postos de traballo verdes en Europa.

The contents of this page were updated on 06.12.2014.