Skip to main content
STG

Este martes comezan catro novos cursos da Universidade de Verán da USC

Este martes comezan catro novos cursos da Universidade de Verán da USC
Este martes comezan catro novos cursos da Universidade de Verán da USC
E o venres remata o prazo de matrícula noutros tres

As Facultades de Filoloxía e Dereito de Santiago, o auditorio municipal de Lalín e o Festival Internacional Portamérica (Nigrán) serán as sedes dos cursos de verán que se inauguran este martes 15. 'Soberanía(s): corpo, hábitos e territorios' é o título do que se inaugurará ás 9.30 horas no salón de graos da Facultade de Filoloxía baixo a dirección de Teresa Moure Pereiro. Nun tempo no que a palabra soberanía comeza a aparecer en distintos discursos como expresión de rebeldía, o curso atenderá a este concepto de maneira integral con todas as ferramentas intelectuais que existen para o debate. Á mesma hora dará comezo o curso que se desenvolverá en Lalín baixo o título 'Novas fronteiras na igualdade de oportunidades 2.0: qué facer coas violencias dende a educación de xénero?' e que dirixen María José Méndez Lois e Mª Jesús Payo Negro. Entre os propósitos do encontro figuran o incremento da conciencia sobre a violencia de xénero na sociedade civil, a mellora das habilidades do alumnado para contribuír a fortalecer as posibilidades de influír na comunidade, coñecer boas prácticas para o desenvolvemento de actuacións igualitarias na escola, incrementar o número de homes sensibilizados e que participan activamente a favor da igualdade de oportunidades, comprender a importancia da sensibilización para promover o cambio de mentalidades ou dispor de recursos para articular alternativas á comunicación en desigualdade. O Festival Internacional Portamérica será o escenario do desenvolvemento do curso ‘Creación musical e music business’ que, dirixido por Xaime Fandiño Alonso, se inaugurará este martes ás 9.45 horas e no que buscarán conectar o mundo do talento e a creación musical coa industria e actuar nalgunhas das carencias históricas do sector dentro das industrias culturais en Galicia. Ademais, mostraranse as posibilidades e as ferramentas para optimizar procesos de creación e comercialización da música. Por último, ás 10.00 horas no salón de graos de Dereito comezará o encontro 'Un ano de conflitos xurídicos: da doutrina Parot ao caso Prestige', unha proposta da profesora Raquel Castillejo. Co curso preténdese obter respostas con respecto ás polémicas xurdidas nos últimos tempos en relación a temas de actualidade xurídica. A doutrina Parot, a sentencia do Prestige ou modificacións legais de gran repercusión sobre a sociedade como a nova Lei de Axuizamento Criminal e a reforma do Código Penal en temas como a corrupción, a idade de consentimento sexual, etc, serán cuestións de análise neste curso. Remata a matrícula Por outra banda, o venres 18 remata o prazo de matrícula en tres novos cursos de verán que se celebrarán na última semana de xullo. Trátase de 'As plantas medicinais no desenvolvemento sostible das reservas da biosfera Terras de Miño e os Ancares lucenses' que dirixirán no Ibader (Lugo) Antonio Rigueiro Rodríguez e Rosa Romero Franco; 'O Camiño de Santiago no Salnés. Comunicación e medio natural', que do 28 de xullo ao 1 de agosto terá lugar en Cambados baixo a dirección de Luís Celeiro ; e 'Ó redor de Castelao', unha proposta de Carlos Mella Villar a desenvolver no Pazo de Martelo, en Rianxo.

The contents of this page were updated on 07.14.2014.