Unhas xornadas de mediación cultural amosan posibilidades de emprendemento e innovación no eido das Humanidades

As ciencias humanísticas e a cultura non poden permanecer á marxe do emprendemento, pois son disciplinas que teñen moitas achegas que facer a unha sociedade desenvolvida na que se priman conceptos como utilidade, produtividade ou rendibilidade, salientou a vicexerenta do campus de Lugo, Carmen Varela, na inauguración das III Xornadas de Mediación Cultural ‘Formación e Emprendemento’, que reúnen este xoves a sete relatores e máis de 30 estudantes de grao na Facultade de Humanidades de Lugo.
Varela, que fixo unha defensa a prol das Humanidades, mantén que a formación humanística é importante no contexto dun campus de marcado perfil agropecuario como é o de Lugo, xa que “axuda a abrir a mente e a coñecer novas ideas”. A vicexerenta do campus lugués animou tamén aos futuros titulados universitarios a adaptarse aos novos tempos, nos que xa non está vixente a idea de ter un traballo para toda a vida, xa que este modelo está a ser substituído polo da aprendizaxe e a formación permanente para a busca de novas oportunidades. A decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, sinalou que o obxectivo destas xornadas, promovidas pola Aula Profesional de Cultura do centro, pasa por amosar as distintas opcións de inserción laboral que teñen por diante os estudantes do grao de Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, cuxa primeira promoción de egresados do campus de Lugo sairá a finais do presente curso. Relatorios A directora da Fundación TIC, Margarita Soilán, abriu a quenda de relatorios cunha intervención baixo o título ‘Un laboratorio de desenvolvemento de contidos para o mundo da cultura’. Ao remate desta intervención, Andrés Barro Parga, cofundador de El faro de los tres mundos, falou sobre o emprendemento con intelixencia cultural. A experiencia emprendedora de Cilenis Language Technology, unha iniciativa de emprego de base tecnolóxica xurdida na Universidade de Santiago que ofrece solucións e produtos baseados en anos de investigación no proceso da linguaxe natural e da enxeñaría lingüística, foi o obxecto da intervención de Isaac González. De seguido, Verónica Iglesias, de Ciencia Divertida Pontevedra e Santiago, ofreceu un relatorio ‘Emprendemento: actitude e competencia’. O profesor de Tecnoloxía Electrónica da Universidade de Cádiz, Joaquín Moreno, falará no campus de Lugo sobre a innovación e o emprendemento no eido das humanidades. Asemade, o vicedecano da Facultade de Humanidades, Comunicación e Documentación da Universidade Carlos III de Madrid, Carlos Manuel Valdés, presentou campus lugués os estudos semipresenciais de Humanidades que oferta a universidade madrileña, da que xa saíron dúas promocións de graduados. Xa en quenda de tarde, o protagonismo é dos estudantes. Así, David Fernández Pérez ofrece a súa visión sobre as ciencias humanísticas no relatorio ‘O auxe das Humanidades’. Unha representación teatral, a cargo do grupo ‘Microefectos dramatúrxicos’, que levará a escena a montaxe ‘Sol e sombra’, seguida dun posterior coloquio, e un debate sobre o futuro das Humanidades, servirán de colofón da xornada. Asistentes as III Xornadas de Mediación Cultural 'Formación e emprendemento'