Skip to main content
STG

Diversos profesionais ven a xestión e a mediación cultural como amplos xacementos de emprego

Carmen Varela e María Isabel González, na presentación das xornadas 'Innovando no eido profesional da cultura' na Facultade de Humanidades
Carmen Varela e María Isabel González, na presentación das xornadas 'Innovando no eido profesional da cultura' na Facultade de Humanidades
Un obradoiro sobre a ‘cultura snack’ na Facultade de Humanidades serviu de colofón destas xornadas da Facultade de Humanidades

As xornadas ‘Innovando no eido profesional da cultura’, que congregaron onte a preto dunha decena de poñentes de distintos ámbitos profesionais na Facultade de Humanidades do campus de Lugo, serviron para constatar que a xestión e a mediación cultural constitúen un xacemento de emprego aínda por explotar e moi acaído para o desenvolvemento de iniciativas emprendedoras, tal e como destacou a vicexerenta do campus de Lugo, Carmen Varela, na apertura deste foro, organizado a través da Aula Profresional de Cultura da Facultade de Humanidades, onde tamén resaltou o “amplo abano de posibilidades que deparan as novas tecnoloxías e, sobre todo as redes sociais”.

A decana deste centro universitario lugués, María Isabel González Rey, fixo tamén fincapé nas múltiples oportunidades profesionais que depara o amplo espectro da xestión, difusión e mediación cultural, tanto no eido patrimonial como na empresa. González Rey precisou asemade que un dos obxectivos que persegue o centro universitario con este foro é o de crear e tender pontes entre o mundo académico e o profesional, a fin de favorecer a inserción laboral dos novos egresados. O arqueólogo do Concello de Lugo e coordinador técnico do proxecto ‘Muralla Digital’, Rubén Álvarez, abriu a quenda de relatorios coa charla ‘Aplicación das TIC á posta en valor do patrimonio cultural e histórico’. De seguido o arqueólogo Roberto Bartolomé Abraira disertará sobre a arqueoloxía profesional ao servizo da difusión cultural. O emprendedor Sergio Aller Estévez, de Ancaria SL, aproveitou a súa intervención para afondar nas posibilidades laborais e profesionais que depara a difusión cultural, especialmente nas empresas e nas isntitucións. María Otilia Maceira Rodríguez e Duarte Basoa Anca, de A Ventureira Ocio Cultural, relataron neste foro a experiencia do seu proxecto, que serve como exemplo da xestión dos recursos culturais na comarca do Eume. Das experiencias de mediación cultural mediante a provocación de emocións falará Merce Carballo González, de Crearte Servizos Culturais.

Xosé Manuel Blanco, de Nalgures Producións, deu continuidade a estas xornadas en quenda de tarde cunha intervención desenvolvida baixo o título ‘Industria cultural e ocio. Ámbito analóxico e dixital’. O obradoiro participativo ‘Os andares da civilización: vivimos na cultura snack?’, protagonizado polos alumnos da Facultade de Humanidades e durante o que se proxectará un documental, serviu de colofón desta actividade.

The contents of this page were updated on 02.20.2013.