Skip to main content
STG

Preto de 200 estudantes de institutos de Compostela participaron na USC nunha experiencia internacional sobre investigación en células nai

A xornada desenvolveuse na Facultade de Bioloxía (Foto: SERVIMAV)
A xornada desenvolveuse na Facultade de Bioloxía (Foto: SERVIMAV)

A Universidade de Santiago interveu este venres no Unistem Day 2013 que ofrece a estudantes de secundaria a posibilidade de asistir a nunha xornada de divulgación científica e educativa centrada nas novidades e principios básicos da ciencia relacionada coas células nai. Participaron 200 estudantes dos institutos Rosalía de Castro, Compañía de María, Xelmírez I e Eduardo Pondal de Compostela. Co lema ‘O longo e fascinante viaxe da investigación sobre células nai’, nesta xornada a USC sumouse a outras cinco universidades españolas no marco da Rede de Terapia Celular, sendo a primeira vez que se desenvolve simultaneamente en diversos países europeos. Concretamente a xornada realizouse en universidades e institutos de investigación de Reino Unido, Suecia, Italia, ademais de España. No caso particular da institución compostelá, a iniciativa coordinouna o Grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Párkinson da USC. Os seus promotores presentan Unistem Day como unha oportunidade para a aprendizaxe, o descubrimento e a discusión en relación á investigación no eido das células nai. O seu obxectivo é estimular o interese e as vocacións entre os máis novos/as pola ciencia e a investigación científica a partir do coñecemento das células nai así como a relación entre estudantes de diferentes países. A xornada comezou na Aula Magna da Facultade de Bioloxía onde se celebrou incluíndo conexións internacionais entre os diversos países participantes xunto con charlas divulgativas, debates e actividades sobre a investigación no campo abordado, as terapias que se levan a cabo e a súa repercusión social. Na sesión inaugural participaron o vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González, o vicedecano da Facultade de Bioloxía, Miguel A. Rodríguez, e o investigador do grupo organizador Juan Parga. Deseguido, sucedéronse unha serie de intervencións que comezaron co relatorio de Carmen Díaz Ruíz e Ana Isabel Rodríguez Pérez para realizar unha introdución ao tema proposto. Seguíronlle Esther Díaz falando sobre os avances e limitacións no estudo e aplicabilidade das células nai e Montserrat García Lavandeira para referirse á ‘ Identificación e caracterización das células nai da hipófise’. Para completar a quenda de intervencións, Juan A. Parga presentou a súa intervención sobre a utilización destas células na loita contra o Párkinson. Esta é unha iniciativa que conta co patrocinio da Rede de Terapia Celular, Gadis e Nirco, Diagnóstico e Investigación.

The contents of this page were updated on 03.15.2013.