O III Seminario Internacional Brasil, España, Portugal citará do 5 ao 7 de xuño uns 100 investigadores en Lugo
A terceira edición do Seminario Internacional Brasil, España Portugal (Sibep) reunirá do 5 ao 7 de xuño no campus de Lugo preto dun cento de investigadores e estudantes da Universidade Federal de Viçosa, de Brasil, do Instituto Politécnico de Bragança, de Portugal, e da Universidade de Santiago de Compostela.
A temática da terceira edición deste foro de coñecemento xirará a carón do territorio e os participantes abordarán as diferentes dimensións de estudo e investigación xa existentes, ao tempo que explorarán novas oportunidades para afondar nas vías de colaboración e cooperación entre as tres universidades implicadas, segundo adiantou Urbano Fra Paleo, investigador pertencente ao Laboratorio do Territorio da USC, que lidera a organización dun seminario internacional que establece por vez primeira a súa sede no campus de Lugo logo de celebrar as súas dúas primeiras edicións en Brasil. A difusión das actividades e dos resultados obtidos polos investigadores e estudantes de grao e posgrao para identificar novas oportunidades de cooperación e participación entre as tres universidades, o impulso do interese pola investigación, innovación e o emprendemento no eido do territorio, e o debate e a conexión das distintas realidades (persoais, territoriais, institucionais...) nun contexto global en continua transformación constitúen algúns dos obxectivos deste programa. As comunicacións e os pósters que se darán a coñecer no transcurso deste seminario abordarán distintas áreas ligadas á dimensión territorial, tales como son as transformacións das paisaxe, a gobernanza dos riscos, o desenvolvemento rural, tecnoloxías e análise da información territorial, xestión das terras, planeamento urbano e territorial, xestión sostible de recursos naturais ou procesos e conflitos sociais. As persoas interesadas en participar no III Sibep poderán aínda formalizar a súa inscrición na páxina web http://sibep.usc.es ata o vindeiro día 5 de xuño. O custe da matrícula varía entre 25 e 40 euros. As distintas sesións formativas programadas no marco deste seminario terán lugar na Facultade de Humanidades do campus de Lugo, agás a xornada de apertura, que se celebrará o 5 de xuño, a partir das 18.00 horas, no auditorio da Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación de Lugo.