Ciencias Económicas e Empresariais celebrou o patrón

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais celebrou este mércores o patrón do centro nunha xornada que comezou cun acto in memoriam Ceferino Díaz, profesor do centro falecido hai pouco máis de tres meses e que a casualidade quixo que o ano pasado, na mesma cerimonia, fose el precisamente o encargado de tomar a palabra en nome dos docentes que se xubilaban. A lembranza de Díaz, cuxa carreira profesional estaba fortemente vinculada á política, correu a cargo do seu amigo e compañeiro Jaime Barreiro Gil, tamén profesor da Facultade, que lembrou os inicios dunha xeración universitaria que coincidía a finais do franquismo cunha conciencia e actitude política “efervescente” que reclamaba á vez liberdade e un forte sentimento autonomista. “ Á nosa formación universitaria –dixo– incorporamos un compromiso político, social e nacional”. Barreiro rematou lanzando unha mensaxe aos novos universitarios, tomando como súa unha constante de Ceferino Díaz: “non dicir que non nunca a ningún compromiso”. Precisamente con esa idea enlazaba o seu discurso o profesor Miguel Cancio, que falou en nome dos docentes do centro que este ano se xubilan e que, xunto a el, son José Álvarez Olariaga, Ramón López-Suevos e María do Carme García Negro. Premios A cerimonia proseguiu coa entrega do premio Fulget 2012 á empresa Hostal dos Reis Católicos, que recolleu o seu director e ex alumno da Facultade, Julio Castro. O mesmo aconteceu co concurso de pintura CreArte na Universidade 2013 que gañou Javier Sande Iglesias pola súa obra Paisaxe na néboa. O xurado –Francisco Durán, Emilia Vázquez, Juan Monterroso, Cristina Carballedo e Xurxo Martiño- outorgou ademais unha mención especial a Yonatan Castro Cambre polo seu collage. O acto rematou coa entrega dos premios extraordinarios de doutoramento 2009-2010 a María Milagros Vivel Búa e José Lebrancón Nieto, e dos fin de másteres 2011-2012 a Fernando Corbelle Cacabelos, Raúl Clemente del Pozo, Flavia Sá Barreto Cruz, Óscar Rico Pereiro e Daniel Gesto Suarez. Os extraordinarios de licenciatura do pasado curso correspondéronlle a Gemma Iglesias Breijo e Jorge Javier Lojo Santiago, de Economia, e a Celestino Coello Espasandín e María Isabel Moscoso Ramos, de Administración e Dirección de Empresas. Por último, fíxose entrega dos premios á calidade lingüística dos traballos académicos, que na súa anterior convocatoria deixou deserto o primeiro posto sendo gañador do segundo Hugo Baltasar del Valle-Inclán Cruces co traballo Economía tabú. Inés Freire Lista fíxose co premio na modalidade de fin de grao con Os efectos das privatizacións.